A Xunta promove a creación dunha rede de laboratorios e centros demostradores en ciberseguridade
O Consello de Goberno da Xunta de Galicia autorizou hoxe a subscrición dun convenio que permitirá a posta en marcha dunha rede de laboratorios e centros demostradores sobre ciberseguridade en aspectos relacionados co transporte intelixente e as telecomunicacións. O acordo será asinado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), a Universidade de Vigo (UVIgo), o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG) e o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant).
Esta rede de laboratorios forma parte do proxecto para a creación dun centro transrexional de innovación e competencia no ámbito da ciberseguridade, en que, ademais de Galicia, participan Cataluña e a Comunidade Valenciana. Trátase dunha das iniciativas do Programa de Redes territoriais de especialización tecnolóxica (Retech). Este Retech de ciberseguridade ten un orzamento de 58 millóns de euros, dos que cerca de 19 millóns corresponden a Galicia.Está financiado nun 75 % a través do Retech e o 25 % restante é achegado polas CC.AA.
Nese proxecto transrexional, Galicia liderará os aspectos relacionados coa ciberseguridade no transporte intelixente no centro transrexional. O convenio aprobado hoxe permitirá, entre outros aspectos, crear unha rede de laboratorios que servirán como campo de probas e contorna de formación. O acordo tamén permite o desenvolvemento de ferramentas de ciberseguridade para o espazo aéreo de vehículos non tripulados, para as tecnoloxías 5G e 6G ou para sistemas intelixentes de transporte.
O Instituto Tecnolóxico de Galicia vai encargarse do deseño e fabricación dun laboratorio móbil avanzado para auditorías de ciberseguridade do espazo aéreo de vehículos non tripulados (UAS) e do desenvolvemento de software necesario para a detección de ciberameazas, caracterización e auditoría de ciberseguridade do espazo aéreo próximo e para simulación de ameazas.
A Universidade de Vigo vai encargarse da creación dun laboratorio de seguridade, privacidade e confianza en 5G/6G, con diferentes iniciativas de despregamento de infraestrutura e demostradores no ámbito da ciberseguridade nas comunicacións necesarias no transporte intelixente.
O Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia responsabilizarase da posta en marcha dun laboratorio centrado na ciberseguridade no ámbito da automoción, despregando as capacidades necesarias para a súa validación no vehículo autónomo e conectado.
Gradiant abordará a creación dun laboratorio da ciberseguridade 5G especializado en validar os diferentes compoñentes dunha rede 5G. Así mesmo, desenvolverá e validará novas tecnoloxías que se integrarán en redes 5G e avaliará aspectos de ciberseguridade asociados a aplicacións e servizos no ámbito do transporte intelixente. Abordará tamén a posta en marcha dun laboratorio de ciberseguridade industrial, que dará soporte para o desenvolvemento de produtos, solucións ou servizos innovadores sobre unha infraestrutura real que facilite a súa validación. Realizará tamén demostracións do funcionamento e eficacia de diversas tecnoloxías de ciberseguridade industrial.
Finalmente, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia coordinará a rede de laboratorios. A Axencia tamén porá en marcha un laboratorio no Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia en Ourense, que non forma parte deste convenio.
As actuacións do convenioteñen un orzamento de 8,4 millónsde euros, dos cales un 75 % serán achegados pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia con fondos do Retech e o 25 % restante polos centros tecnolóxicos. Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea, a través do Programa Retech.