XuntaEu concentra nunha aplicación para móbiles os principais servizos da Administración dixital

Luns 15 de Xaneiro de 2024

XuntaEu concentra nunha aplicación para móbiles os principais servizos da Administración dixital

A nova ferramenta facilita a accesibilidade aos servizos públicos e xa está dispoñible para a súa descarga en dispositivos móbiles con Android e iOS
Para acceder aos servizos é necesario identificarse dun xeito seguro coa Chave 365 ou co DNI electrónico
A aplicación permite, entre outras utilidades, consultar notificacións e expedientes, recibir avisos ou xestionar citas

A aplicación de referencia para móbiles da Xunta de Galicia, XuntaEu, xa está dispoñible para a súa descarga en dispositivos con Android e iOS.

Esta ferramenta concentra o acceso a información e servizos dixitais que xa estaban dispoñibles en diferentes canles en internet e facilita a accesibilidade a estes servizos grazas á universalización na utilización dos dispositivos móbiles e a súa conectividade á alta velocidade. Ademais, a aplicación simplifica e garante a seguridade da relación da cidadanía coa Administración.

Para poder acceder aos servizos, as persoas usuarias deben identificarse dun xeito seguro a través dos sistemas Chave 365 ou do DNI electrónico. Este último está, polo de agora, dispoñible unicamente para dispositivos Android. No primeiro caso haberá tamén un dobre factor de autenticación, polo que a persoa recibirá un código PIN no teléfono a primeira vez que acceda á aplicación. Neste primeiro acceso tamén deberá expresar o seu consentimento opcional para a recepción de avisos, para o uso da cámara coa única finalidade de ler códigos QR, ou para permitir o inicio de sesión con recoñecemento facial ou pegada dixital.

Na súa primeira versión, a aplicación permite acceder ás notificacións postas a disposición en Notifica.gal, consultalas, aceptalas ou rexeitalas. Tamén dá acceso á información básica dos expedientes e presentacións nos que a persoa usuaria figure como solicitante ou representante. Para a realización de tramitacións relacionadas con estes expedientes, a aplicación proporciona un acceso directo á sede electrónica.

A aplicación permite o acceso ao listado de tarxetas ou carnés emitidos pola Xunta de Galicia, que poden ser validados por terceiros directamente dende o dispositivo a través dun código QR. Na actualidade xe están dispoñibles neste sistema o Carné Xove, o Carné profesional en instalacións térmicas de edificios, o Carné profesional de operador de guindastre torre, o Carné de operador de guindastre móbil autopropulsado Categoría A e o Carné profesional de operador de guindastre móbil autopropulsado Categoría B.

XuntaEu proporciona tamén acceso aos certificados dos que dispoña a persoa usuaria. Neste momento, os documentos dispoñibles son o Certificado de habilitacións profesionais, a Licenza de pesca marítima de recreo en superficie, a Licenza de pesca marítima de recreo submarina e a Licenza de pesca marítima de recreo en embarcacións.

Tamén permite consultar as citas programadas coa Administración. Na actualidade están integrados o sistema de citas das Oficinas de Atención á cidadanía e Rexistro e o sistema de citas das Oficinas de Atención das consellerías. Ademais, os usuarios e usuarias poden consultar ou dar de alta apoderamentos do Rexistro Electrónico de Apoderamentos de Galicia.

Outras utilidades son a xestión do sistema de Chave 365 para renovar os datos de usuario ou dalo de baixa; a posibilidade de consultar ou modificar os datos persoais almacenados na Carpeta Cidadá, así como a recepción de avisos personalizados.

XuntaEu inclúe tamén unha utilidade para comprobar a validez de documentos asinados electronicamente, tanto de maneira manual como mediante o uso da cámara para escanear o código QR.

Etiquetas
aplicación-XuntaEU