A Xunta transforma a administración para ofrecer recursos e servizos a cada persoa en función das súas necesidades e intereses
A Xunta de Galicia está a transformar o modelo de relación coa cidadanía para facela máis eficaz, máis personalizada, máis accesible e máis segura, segundo explicou hoxe o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Damián Rey. O responsable autonómico participou esta mañá no encontro Retos e apostas da transformación dixital nas Administracións Públicas de Galicia: goberno do dato e ciberseguridade, organizado pola revista da Sociedade da Información Dixital (SOCINFO).
No centro deste modelo atópase o Nodo de Información Cidadán (Citizen Data Hub), que emprega tecnoloxías de goberno do dato ou intelixencia artificial para identificar as necesidades e intereses de cada persoa e ofrecerlle dun xeito proactivo e personalizado os recursos e servizos que necesita.
O director da Axencia autonómica destacou que este sistema garante a seguridade da cidadanía e dos seus datos e xestiona en todos os casos o consentimento das persoas para recibir estes servizos proactivos.
O obxectivo é que a cidadanía poida percibir a Administración como un conxunto de ámbitos de xestión unificado e non como un gran número de departamentos illados. O Nodo de Información Cidadán sitúa ás persoas no centro dunha xestión unificada, coñece as necesidades e intereses e optimiza a xestión dos recursos e servizos ofrecidos.
A Xunta xa ofrece servizos proactivos de acordo con este modelo en casos como a tarxeta benvida coa axuda a familias que teñan ou adopten un fillo ou unha filla, a renovación das licencias de caza ou pesca fluvial, a declaración do censo de animais de explotacións gandeiras ou a declaración da colleita de uva. O obxectivo é aplicar o modelo a todo tipo de trámites e procedementos.
Incorporación de avances tecnolóxicos á Atriga
Pola súa banda, a directora da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga), Sonia Lafont, destacou a liña constante de traballo e evolución e a incorporación dos avances tecnolóxicos á administración tributaria. Uns avances que se centran na cidadanía, dunha banda, “promovendo o coñecemento das obrigas tributarias e contribuíndo a facilitar o seu cumprimento”. Doutra banda, “na detección de irregularidades e a loita contra o fraude”.
Sonia Lafont destacou que, grazas á tecnoloxía, a atención ao contribuínte pode facerse de xeito presencial, telefónico e telemático, para o que a Atriga conta cunha páxina web e traballa na implantación de asistentes virtuais. Anunciou ademais Lafont a nova Oficina Virtual Tributaria (OVT) que estará lista nas próximas semanas e que será máis rápida e sinxela que a actual, ademais de incorporar novas formas de “acceso autenticado”.
Así mesmo, a directora da Atriga puxo énfase na ampliación constante dos medios de pago, cos que a Xunta continúa o seu esforzo para facilitar o cumprimento das obrigas tributarias, como a domiciliación bancaria, a transferencia, o bizum, o xiro postal ou o pago a través das PDAs dos carteiros rurais.
No encontro de hoxe tamén participou o xefe da Subárea de Seguridade da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Gustavo Herva, que falou sobre a ciberseguridade na Administración autonómica