A Xunta reserva case 5 m€ para identificar casos en que o Big Data e a intelixencia artificial melloren a eficacia da administración

Martes 08 de Abril de 2025

A Xunta reserva case 5 m€ para identificar casos en que o Big Data e a intelixencia artificial melloren a eficacia da administración

O acordo aprobado hoxe polo Consello permitirá optimizar a dispoñibilidade, explotación e accesibilidade dos datos para que a tecnoloxía axude a dar un mellor servizo á cidadanía
O contrato inclúe o desenvolvemento de novas ferramentas e técnicas de análise predictiva e prescritiva dos datos para identificar e aplicar as decisións máis eficaces
Permitirá a posta en marcha de casos de uso EN que a analítica avanzada de datos mellore a calidade das decisións e do deseño de políticas públicas da Administración

O Consello de Goberno autorizou hoxe a contratación dun servizo para identificar aqueles aspectos EN que o uso de tecnoloxías como o big data ou a intelixencia artificial para a xestión dos datos pode mellorar a eficacia da Administración e os servizos públicos de Galicia.
Trátase de adaptar e optimizar as posibilidades de dispoñibilidade, explotación e accesibilidade dos datos xerados pola Administración ou por terceiros. A analítica avanzada permite coñecer como se están a utilizar os datos na actualidade, facer predicións (analítica prediCtiva) e identificar procedementos máis eficaces (analítica prescritiva).
O contrato permitirá incorporar casos analíticos tanto de ámbito sectorial como de carácter transversal para poder aproveitar as potencialidades destas tecnoloxías nos diferentes servizos públicos e no propio funcionamento e eficacia da Administración.
Os casos de uso concretos serán incorporados durante o período de vixencia do contrato. Para facelo, haberá un orzamento estimado de ata 4,8 millóns de euros en catro anos.
As tecnoloxías de big data e intelixencia artificial permiten mellorar a eficacia das tramitacións administrativas e dos servizos públicos porque simplifican os procesos, aforran tempo, garanten a calidade e fiabilidade e proporcionan unha atención máis personalizada á cidadanía.
A xestión avanzada dos datos resolve as dificultades que presenta unha situación de partida de fragmentación, dispersión en sistemas illados, datos non normalizados ou con linguaxe, natureza ou formatos diferentes.