A Xunta renova os case 500 postos dixitais das oficinas rurais para adaptalos ás novas formas de traballo
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) completou a renovación e evolución do posto dixital nas 69 oficinas rurais da Consellería do Medio Rural. A actuación, da que foi informada hoxe o Consello da Xunta, contou cun investimento de 532.544 euros e permitiu modernizar un total 498 postos de traballo e adaptalos cara a modelos máis flexibles, que permiten compatibilizar o traballo a pé de explotación e o labor en oficina.
Esta adaptación resulta especialmente relevante nas oficinas rurais, onde boa parte do persoal técnico combina o traballo administrativo coa actividade fóra das dependencias públicas. Para dar resposta a estas necesidades, a Amtega deseñou solucións diferenciadas para os tres perfís profesionais que integran a Rede de oficinas rurais: o persoal técnico dos servizos veterinarios, o persoal técnico dos servizos agrarios e o persoal de xestión administrativa.
Os profesionais dos servizos veterinarios e agrarios realizan inspeccións, controis, visitas, tarefas de asesoramento e actuacións de seguimento en explotacións ou noutros puntos do territorio. A nova configuración dos postos permite dar continuidade a estas tarefas tanto desde a oficina como durante o traballo de campo.
En concreto, a actuación inclúe 317 postos móbiles completos para o persoal técnico veterinario e agrario. Estes postos contan con ordenadores portátiles avanzados, con conexión ao posto de sobremesa, pantallas externas, teclado externo intelixente, rato e auriculares con micro. Esta dotación facilita o acceso remoto e seguro ás aplicacións corporativas e á información dos expedientes, evitando que a mobilidade limite a
capacidade de actuación dos profesionais.
No caso do persoal técnico agrario, os postos incorporan, ademais, unha segunda pantalla externa, que permite consultar ao mesmo tempo distintas aplicacións, expedientes e información xeográfica ou cartográfica, de uso habitual nas tarefas de análise, tramitación e seguimento que realizan.
A actuación completouse coa renovación de 181 postos fixos, destinados principalmente ao persoal que realiza labores de xestión administrativa, tramitación e atención á cidadanía. Os novos equipamentos proporcionan un contorno de traballo actualizado, estable e adaptado ao uso intensivo das ferramentas ofimáticas e das aplicacións corporativas.
Esta iniciativa beneficia a preto de 500 empregados públicos que desenvolven a súa actividade na Rede de Oficinas Rurais e repercute directamente na calidade dos servizos que prestan. A evolución do posto dixital permite aproveitar as posibilidades da tecnoloxía para facilitar o traballo dos empregados públicos, reforzar a atención de proximidade e prestar uns servizos máis eficientes en todo o territorio galego.