A Xunta reforza a Rede CeMIT abrindo a porta á incorporación de novas aulas
A Xunta quere ampliar o alcance da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica de Galicia (CeMIT), abrindo a porta á incorporación de novas aulas. Para facilitar a adhesión dos concellos, a Administración reforzará a colaboración que vén
mantendo coa FEGAMP, a través da prórroga dun convenio de que foi informado hoxe o Consello da Xunta e que se asinará nos vindeiros días.
Na actualidade, a Rede conta con 93 aulas distribuídas en 90 concellos, que desempeñan un papel fundamental na formación e na capacitación dixital da cidadanía galega. Para incorporarse á Rede, os concellos interesados deben dispoñer dun espazo físico
destinado á aula, así como dunha persoa responsable da súa xestión e dinamización.
Pola súa banda, a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), asume a dotación do equipamento tecnolóxico necesario e o deseño e a subministración de parte dos contidos formativos.
A Amtega destina máis de 1.000.000 euros anuais ás aulas, ás que proporciona infraestrutura tecnolóxica, un plan de formación e subvención, no caso de ser aulas de referencia (as que compren un determinado limiar de horas de formación e/ou
titorización).
Alfabetización, consultas e formación especializada As aulas da Rede ofrecen, principalmente, formación en alfabetización e capacitación dixital, cunha oferta de cursos orientados ao uso seguro de internet, ao manexo de dispositivos móbiles, á administración electrónica ou á banca dixital, entre outros contidos habituais. Xunto a esta formación básica, tamén se desenvolven actividades
máis avanzadas e especializadas, como a impresión 3D, o pilotaxe de drons, a programación e a robótica, as experiencias inmersivas con realidade virtual, a xestión da identidade e da pegada dixital nas redes sociais ou a utilización de ferramentas baseadas na intelixencia artificial.
Ademais da formación, as aulas funcionan como puntos de apoio tecnolóxico para a cidadanía, atendendo consultas e resolvendo dúbidas de carácter dixital. Así mesmo, acollen iniciativas complementarias en colaboración con outras entidades, como obradoiros para promover as vocacións tecnolóxicas entre a mocidade —con especial atención á participación das nenas—, actividades dixitais de carácter interxeracional ou accións formativas específicas en control parental e banca dixital dirixidas ás persoas maiores.
A programación formativa está dirixida a usuarios de todas as idades. O perfil máis habitual corresponde a mulleres de entre 45 e 55 anos, aínda que o grupo de persoas maiores de 65 anos se incrementou de maneira significativa nos últimos anos, ata superar xa as 19.000 persoas rexistradas.
A Rede constitúe tamén un espazo de referencia para a obtención do certificado galego de competencias dixitais (ComDiX). Ao longo de 2024 celebráronse as primeiras convocatorias, nas que participaron preto dun milleiro de persoas e durante este año
máis de 3.200 persoas se presentaron ás catro convocatorias realizadas.