A Xunta reforza a formación dos empregados públicos en materia de protección de datos para incrementar a seguridade na administración dixital

Mércores 24 de Setembro de 2025

A Xunta reforza a formación dos empregados públicos en materia de protección de datos para incrementar a seguridade na administración dixital

A directora da Escola Galega de Administración Pública, Sonia Rodríguez-Campos, e o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, inauguraron esta tarde a cuarta edición do Curso superior en protección de datos
No curso participan 70 empregados públicos, que recibirán formación tanto desde un punto de vista técnico xurídico como desde unha visión práctica
A actividade formativa abordará temas como a responsabilidade da administración pública no tratamento de datos, a videovixilancia, o réxime sancionador e a intelixencia artificial, entre outros

Un total de 70 empregados públicos participan dende hoxe na cuarta edición do Curso superior en protección de datos, organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o Nodo CIBER.gal.

O curso foi inaugurado esta tarde pola directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos; o director da AMTEGA, Julián Cerviño Iglesia, e o xefe da subárea de seguridade da AMTEGA e director da acción formativa, Gustavo Herva Iglesias.

A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, destacou a gran acollida que tivo o curso e incidiu na importancia de que o desenvolvemento das novas tecnoloxías a nivel da Administración pública ”ten que ir acompañado dunha clara preocupación pola seguridade como factor decisivo na implantación da Administración electrónica e da sociedade da información”.

Sonia Rodríguez-Campos resaltou que “ante o desenvolvemento da Administración dixital é preciso dotar ao persoal empregado público das ferramentas e os coñecementos necesarios para salvagardar os datos personais que se almacenan e transmiten en liña, algo esencial para defender os dereitos da cidadadnía e preservar a confianza nas nosas institucións”.

Ademais, salientou que un dos obxectivos da Xunta para continuar avanzando na implantación da e-Administración “é mellorar a seguridade para minimizar os posibles incidentes neste eido, garantir a confidencialidade da información e asegurar a continuidade do servizos prestados”.

Por este motivo, segundo a directora da EGAP, “faise ineludible a convocatoria de actividades formativas que contribúan a crear un escenario de seguridade xurídica”.

Ademais, Sonia Rodríguez-Campos sinalou que o curso “é unha mostra máis do esforzo e o compromiso por parte da Escola por ofrecer unha formación anual completa, actualizada e de calidade naquelas materias de relevancia para o persoal empregado público mediante cursos e accións formativas en relación co eido dixital”.

Pola súa banda, o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, lembrou que “os datos deben usarse para mellorar a calidade de vida das persoas, pero, en todos os casos, teñen que ser xestionados dende a responsabilidade, a seguridade, a garantía de confidencialidade e dende o coñecemento de toda a información normativa e legal”.

Neste sentido, destacou a importancia das accións formativas, como este curso superior, e afirmou que “o éxito de anteriores edicións e a demanda rexistrada este ano, no que se volveron a completar con creces as 70 prazas, indican que o persoal empregado público de Galicia afronta este reto con esa responsabilidade necesaria”.

De seguido, Elena Davara e Laura Davara impartiron unha clase maxistral sobre as claves para cumprir a normativa de protección de datos e redes sociais.

Na sesión inaugural tamén participou Víctor Salgado Seguín, que ofreceu un relatorio sobre protección de datos e intelixencia artificial.

Obxectivos
A cuarta edición do curso superior en protección de datos, cunha duración de 118 horas, pretende afondar no coñecemento da protección de datos, tanto dende unha perspectiva técnico-xurídica como práctica. O curso rematará o 10 de decembro.

Os obxectivos desta acción formativa de modalidade mixta (presencial, telepresenza e teleformación) son concienciar ao alumnado sobre a relevancia e importancia do dereito fundamental á protección de datos personais para o que é necesaria a aplicación de boas prácticas de acordo coa normativa vixente, respectar os dereitos das persoas interesadas polo tratamento dos seus datos personais e xestionar adecuadamente posibles incidencias que poidan xurdir nas distintas fases do tratamento.

O curso tamén afondará nos principios básicos de seguridade e as medidas que cómpre implantar nos sistemas de información dende a perspectiva do risco e en base ao disposto no Regulamento Xeral de Protección de Datos e no Esquema Nacional de Seguridade.

Así mesmo proporcionará unha visión global da protección de datos personais, así como as funcións e responsabilidades das persoas que interveñen no seu procesamento e do papel que desenvolven as autoridades de control como a Axencia Española de Protección de Datos.

Entre as materias que se impartirán destacan a responsabilidade da Administración pública no tratamento dos datos; os dereitos da cidadanía respecto ao tratamento dos seus datos personais; a normativa e o réxime sancionador; o esquema nacional de seguridade; a protección de datos personais en saúde, menores e na Xunta de Galicia; a garantía dos dereitos dixitais; a intelixencia artificial nas Administracións públicas ou a videovixilancia, entre outros temas.