Xa está aberto o prazo de inscrición para o V Encontro Ciber.gal, que se celebrará os días 5, 6 e 7 de novembro na Cidade da Cultura de Galicia
ciberseguridade
Xa está aberto o prazo de inscrición para participar na V edición do Encontro Galego de Ciberseguridade, CIBER.gal, que se celebrará os días 5, 6 e 7 de novembro no Edificio Fontán da Cidade da Cultura de Galicia.
Consolidado como un evento de referencia no panorama galego e estatal, CIBER.gal volverá converter a Galicia no epicentro da seguridade dixital, reunindo a expertos, empresas, entidades públicas e cidadanía para analizar os grandes retos e oportunidades
do ecosistema dixital.
As tres xornadas poderán seguirse de forma presencial ou en liña, previa inscrición nesta ligazón, con prazas limitadas para a asistencia física. A participación é totalmente gratuíta ata completar aforo. O programa completo pode consultarse na páxina web do V Encontro CIBER.gal.
Organizado polo Nodo CIBER.gal e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), coa colaboración do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), o encontro ofrecerá un programa diverso e dinámico, con obradoiros,
conferencias, paneis de debate, representacións teatrais sobre a viralidade nas redes sociais e concursos de ciberseguridade, estruturados en tres bloques dirixidos á administración pública, ao tecido produtivo e á cidadanía —con especial foco nos escolares e adolescentes—.
Como novidade principal, o programa estrutúrase por primeira vez en tres xornadas diferenciadas, cada unha enfocada nun público obxectivo, e contará cunha zona expositiva de solucións de ciberseguridade presentadas polas entidades patrocinadoras que apoian o evento.
O encontro reunirá a persoas de recoñecido prestixio nacional e internacional, entre eles Bernardo Quintero, Bernardo Viqueira, Rosa Díaz ou Javier Candau, así como representantes do Parlamento Europeo, do Ministerio de Defensa e do Ministerio de
Transformación Dixital, que achegarán a súa visión sobre os novos retos globais en materia de seguridade dixital. Ademais, contarase co cómico galego Oswaldo Digón, que con clave de humor falará da seguridade na contorna dixital.
Durante os tres días, grazas á colaboración do INCIBE, o público poderá gozar da experiencia itinerante Road Show e visitar un expositor de ciberseguridade interactivo, pensado para achegar coñecementos e boas prácticas a todo tipo de públicos.
O programa inclúe tamén a final do concurso escolar “Ciberseguridade no cole!”, organizado por Telefónica como patrocinadora evento, e unha competición de retos Capture The Flag (CTF), impulsada por Gradiant.
Un ano mais, o Encontro conta co apoio e participación de preto de 30 entidades patrocinadoras. Entre elas, son patrocinadores VIP Gradiant e Telefónica, e colaboran na categoría de estratéxicos entidades como ABANCA, Deloitte, Seresco, S2Grupo,
Vodafone, Inprosec, Proofpoint e Fujitsu, que reforzan así o seu compromiso co impulso da seguridade dixital en Galicia.
Ao longo das xornadas, os asistentes presenciais poderán desfrutar de momentos de networking con café, aperitivos e sorteos, nun ambiente pensado para favorecer a colaboración e o intercambio de experiencias entre profesionais.
Toda a información e inscricións dispoñible en:
V Encontro CIBER.gal: https://ciberseguridadegalicia.gal/gl/cibergal/encontro-cibergal-1/2025-v-encontro-cibergal
Inscricións: https://inscricioncibergal.ciberseguridadegalicia.gal/gl/