A Xunta promove a convivencia dixital no eido educativo con obradoiros para o alumnado, a formación do profesorado e unha guía de uso seguro da internet e das redes sociais
A Xunta de Galicia promove a convivencia dixital no ámbito educativo coa organización de obradoiros para o alumnado, a formación do profesorado e a publicación dunha guía de uso seguro da Internet e das redes sociais. Estes son algúns dos contidos do informe que hoxe recibiu o Consello sobre a actividade que desenvolveron conxuntamente a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Entre as principais accións desenvolvidas durante o curso destacan os obradoiros sobre Introdución segura á pegada dixital e ás redes sociais. Tiveron como obxectivo sensibilizar ao alumnado sobre os retos e oportunidades da Internet e salientar a importancia de construír unha pegada dixital segura e positiva, así como fomentar o uso ético e responsable desta tecnoloxía. Nos obradoiros participaron cerca de 7.000 escolares de 2o, 3o e 4o da ESO e de FP básica en dous centenares de centros educativos.
Durante o curso tivo lugar tamén a IV edición da xornada Somos cibernéticas, dirixida a reducir as fendas de xénero. O obxectivo desta actividade é o de fomentar o interese das alumnas pola ciberseguridade e contribuír á redución da fenda de xénero neste ámbito.
Ademais dunha conferencia accesible a través da Internet, a xornada acolleu cinco obradoiros prácticos guiados por mulleres expertas en ciberseguridade, nos cales participaron 44 estudantes de 4o da ESO.
No marco do Encontro CIBER.gal, que ten lugar anualmente na cidade da Cultura, convocouse a IV edición do concurso Ciberseguridade no Cole, no cal participaron máis de 7.400 estudantes de 212 centros educativos de Galicia. A Cidade da Cultura acolleu tamén a posta en escena da obra teatral Hixiénico, realizada en colaboración coa escola Superior de Arte Dramática de Galicia. A obra aborda as consecuencias do acoso pola Internet e as redes sociais. O Encontro CIBER.gal incluíu, así mesmo, unha conferencia sobre formación especializada en ciberseguridade no ámbito da formación profesional.
Outra acción destacada no informe é o II Congreso de coordinación de benestar e convivencia, que reuniu cerca de 1.000 docentes co obxectivo de reforzar a formación específica en benestar, convivencia e protección da infancia e adolescencia no ámbito educativo, así como favorecer o intercambio de experiencias e boas prácticas. O congreso contou cunha sesión dedicada ao uso seguro da Internet e das redes sociais.
Guía para un uso seguro da Internet e das redes sociais
Pola súa banda, a Guía de uso seguro da Internet e as redes sociais para alumnado dos centros educativos ofrece unha visión clara e práctica dos principais retos da vida dixital do alumnado, como as consecuencias da pegada dixital, a protección dos datos persoais, a seguridade dos dispositivos móbiles, a navegación segura e o uso dos contrasinais. A guía, dispoñible en liña, compleméntase con outros recursos como vídeos ou infografías.
A colaboración entre a Amtega e a Consellería de Educación responde á necesidade de formar e sensibilizar a comunidade educativa ante os retos da vida na rede, sobre todo na protección da pegada dixital; no uso seguro e responsable das redes sociais; e na prevención de condutas de risco entre o alumnado.