A Xunta presenta a organizacións de persoas con discapacidade a Lei Autonómica de Intelixencia Artificial

Venres 16 de Maio de 2025

A Xunta presenta a organizacións de persoas con discapacidade a Lei Autonómica de Intelixencia Artificial

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica e a directora xeral de Persoas con Discapacidade mantiveron está mañá en Santiago un encontro con representantes da plataforma CERMI Galicia
Julián Cerviño destacou que a lei busca que a aplicación da IA nos servizos públicos beneficie a toda a cidadanía con medidas para superar as fendas dixitais, especialmente as determinadas por razóns económicas, de idade ou discapacidade

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Julián Cerviño, e a directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, mantiveron esta mañá unha xuntanza con representantes das 13 asociacións integradas na plataforma de entidades de persoas con discapacidade, CERMI Galicia, na que expuxeron a Lei para o desenvolvemento e impulso da Intelixencia artificial en Galicia.

O máximo responsable da Axencia autonómica lembrou que a lei busca que a aplicación da IA nos servizos públicos beneficie a toda cidadanía, independentemente das súas circunstancias persoais e socioeconómicas, con medidas para superar as fendas dixitais, especialmente as determinadas por razóns económicas, de idade ou discapacidade.

Por iso, a lei garante o dereitos de transparencia e supervisión humana, igualdade e tutela, e, aséntase, entre outros, en principios de universalidade e accesibilidade que teñen en conta ás persoas en situación de vulnerabilidade, especialmente ás persoas con discapacidade. Así, a lei establece medidas para mitigar resultados discriminatorios ou nesgos no uso de sistemas de IA, e que a información relativa a aplicación desta tecnoloxía sexa clara e accesible para calquera grupo vulnerable.

Os representantes de CERMI Galicia, encabezados polo seu presidente, Ramón Sestayo, expuxeron os retos que a aplicación da Intelixencia artificial supón para as persoas con discapacidade e o director da Amtega comprometeuse a facer partícipe ao colectivo nos procesos de implantación desta tecnoloxía na Administración. Finalmente, un portavoz da plataforma leu o manifesto "Por unha intelixencia artificial ética e respectuosa cos dereitos fundamentais das persoas con discapacidade”, que publicou CERMI Galicia con motivo do Día Nacional en España da Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade.