A Xunta prepara o Programa Galego de Intelixencia Artificial 2025-2027 para incoporar esta tecnoloxía na administración e promover o seu uso entre a cidadanía e as empresas
A Xunta de Galicia inicia a elaboración do Programa galego de intelixencia artificial 2025-2027 que facilitará o despregamento da futura lei para o desenvolvemento e impulso da Intelixencia artificial en Galicia. Este programa dará prioridade aos recursos con que conta a Administración neste ámbito, optimizando esforzos e promovendo sinerxías entre departamentos. O documento recollerá as medidas e actuacións previstas, tanto para incorporar a IA ás consellerías como para promover o seu uso por parte da cidadanía e do tecido empresarial.
Fitos e prazos
O proceso de elaboración comezará na primeira quincena de xaneiro, cunha reunión de lanzamento coas consellerías, en que se formalizarán os grupos de traballo. A redacción do programa desenvolverase entre xaneiro e febreiro, incluíndo sesións de traballo co ecosistema da IA en Galicia, como paso previo á aprobación definitiva en Consello.
Na elaboración do Programa terán un peso destacable as achegas da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como principal entidade promotora da dixitalización de Galicia e do despregamento da IA no conxunto da rexión; do Instituto Galego de Promoción Económica, de cara á adopción da IA polas empresas; e da Axencia Galega de Innovación como entidade promotora da innovación na rexión, en colaboración coas consellerías a través de grupos de traballo.
A elaboración desta folla de ruta busca reforzar a aposta de Galicia pola intelixencia artificial nun ano en que conflúen diferentes fitos favorables para iso. Por un lado, publicarase o balance 2021-2024 da Estratexia galega de intelixencia artificial 2030. Por outro lado, en 2025 entrará en vigor a Lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia. E tamén hai que lembrar que a Comunidade conseguiu que a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (Aesia) tivese a súa sede na Coruña. Desde o punto de vista do financiamento, tamén xorden oportunidades derivadas da reprogramación do Programa Feder Galicia 2021-2027 a través da reorientación dalgúns programas ás necesidades da cidadanía e empresas en materia de intelixencia artificial.