A Xunta pon en marcha unha nova edición do programa Tech Kids para impulsar o talento dixital da rapazada

Martes 27 de Agosto de 2024

A Xunta pon en marcha unha nova edición do programa Tech Kids para impulsar o talento dixital da rapazada

A iniciativa, organizada en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia, busca este ano fomentar a colaboración interxeracional
Está dirixida a rapaces e rapazas de 12 a 18 anos, que recibirán formación de deseño en 3D, programación, pilotaxe de drons ou realidade virtual
Tras as sesións formativas, os participantes abordarán retos tecnolóxicos en equipos integrados por persoas de diferentes xeracións

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG), pon en marcha unha nova edición do programa Tech Kids, para fomentar as vocacións tecnolóxicas entre a rapazada. Este ano a iniciativa  desenvolverase baixo o lema Argallando entre xeracións”, buscando a colaboración interxeracional na resolución de diferentes retos tecnolóxicos.

 

As actividades, que arrancarán mañá, mércores 28, na aula CeMIT de Santa Comba,  desenvolveranse ata outubro a través de sesións formativas de carácter práctico e presencial nas aulas CeMIT de diversos concellos de toda Galicia. Ademais, o día 10 de setembro celebrarase unha sesión formativa no Centro GaiásTech na Cidade da Cultura. As persoas interesadas en participar poderán inscribirse a través da páxina web  da Rede CeMIT. 

 

Contido do Programa

As actividades están destinadas a rapazas e rapaces de entre 12 e 18 anos, que durante 4 horas realizarán actividades de deseño e modelado en 3D, práctica guiada de construción e programación dun robot ou experiencias inmersivas en realidade virtual. 

 

A partir desta aprendizaxe sentaranse as bases para poder deseñar e desenvolver voluntariamente un reto científico-tecnolóxico en equipo, integrado por persoas de diferentes xeracións.

 

Os proxectos resultantes destas actividades publicaranse na páxina web e nas redes sociais do programa Tech kids – Argallando entre xeracións  e premiarase aos mellores equipos participantes e proxectos realizados nun acto de entrega que se realizará no Centro GaiásTech a finais do mes de outubro.