A Xunta pon en marcha unha nova edición do programa "Tech Kids" para impulsar o talento dixital da rapazada

Luns 14 de Xullo de 2025

A Xunta pon en marcha unha nova edición do programa "Tech Kids" para impulsar o talento dixital da rapazada

A iniciativa, organizada en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia, está dirixida a rapazada de 12 a 18 anos, que recibirán formación de deseño en 3D, programación, pilotaxe de drons, ou realidade virtual
Tras as sesións formativas, os participantes abordarán retos tecnolóxicos en equipos integrados por persoas de diferentes xeracións
As actividades desenvolveranse entre xullo e setembro en aulas CeMIT de toda Galicia

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG), pon en marcha este mércores unha nova edición do programa “Tech Kids” para impulsar o talento dixital da rapazada e fomentar a colaboración interxeracional.

Baixo o lema “Argallando entre xeracións”  rapazas e rapaces de 12 a 18 anos poden poñer en práctica o seu talento dixital e a súa capacidade de resolución de problemas, ao tempo que desenvolven competencias persoais nunha contorna colaborativa con persoas de diferentes xeracións.
As actividades comezan o 16 de xullo na aula CeMIT de Valga e desenvolveranse ata o mes de setembro con sesións formativas de carácter práctico e presencial nas aulas CeMIT de diversos concellos de toda Galicia e unha no Centro Gaiás Tech da Cidade da Cultura. As persoas interesadas en participar, poden inscribirse a través da páxina web da Rede CeMIT.


Contido do Programa
En total, impartiranse 11 cursos estruturados en tres sesións formativas, de 2,5 horas cada unha, orientadas ao deseño e fabricación 3D, robótica educativa con MicroBit, programación de videoxogos, experimentos con condutividade electrónica, programación e drons, empregando o equipamento do que dispoñen as aulas CeMIT
A partir desta aprendizaxe sentaranse as bases para poder deseñar e desenvolver voluntariamente un reto científico-tecnolóxico en equipo, integrado por persoas de diferentes xeracións. 

Para máis información pode visitarse a páxina web do reto.