A Xunta ofrece formación en 22 concellos sobre a configuración e o uso dos teléfonos móbiles

Sábado 25 de Abril de 2026

A Xunta ofrece formación en 22 concellos sobre a configuración e o uso dos teléfonos móbiles

Os cursos sobre “Uso seguro do móbil: configuración e protección” teñen como obxectivo mellorar a seguridade dixital da cidadanía e están dirixidos especialmente ás persoas maiores
As sesións desenvólvense durante os meses de abril e maio nas aulas CeMIT, con enfoque práctico e accesible

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia puxo en marcha unha nova edición das accións formativas da rede
CeMIT en materia de ciberseguridade, centradas nesta ocasión no uso seguro do teléfono móbil. Os cursos estanse a desenvolver en 22 concellos de Galicia.
Esta formación está orientada a mellorar a seguridade e a confianza das persoas usuarias no uso cotián do teléfono móbil. A través dun enfoque práctico e accesible, aprenderanse pautas sinxelas para protexer o dispositivo e a información persoal, recoñecer situacións de risco e previr posibles fraudes dixitais. O obxectivo é fomentar un uso responsable da tecnoloxía reducindo a exposición a ameazas e aumentando a autonomía dixital das persoas participantes.
Os obxectivos desta formación son coñecer os principais riscos asociados ao uso do móbil, aprender a protexer o dispositivo mediante unha configuración axeitada, descargar e utilizar aplicacións de forma segura, identificar os fraudes máis habituais e saber como actuar ante problemas de seguridade ou perda do dispositivo.
As accións formativas terán unha duración aproximada de hora e media e os contidos abordarán cuestións chave como a seguridade nos dispositivos intelixentes, a xestión de aplicacións e permisos e as principais ameazas dixitais.

A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), é unha iniciativa posta en marcha pola Axencia autonómica, que conta coa colaboración de 90 concellos e está integrada por 93 centros. Entre os seus obxectivos está o de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.
A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en: http://cemit.xunta.es/centros.