A Xunta licita o servizo para garantir o funcionamento e dispoñibilidade das infraestruturas e plataformas tecnolóxicas do sector público autonómico

Luns 06 de Abril de 2026

A Xunta licita o servizo para garantir o funcionamento e dispoñibilidade das infraestruturas e plataformas tecnolóxicas do sector público autonómico

O Consello de Goberno autoriza a contratación deste servizo, cun orzamento de licitación de 6,7 millóns de euros e un valor estimado de 13,3 millóns de euros
O contrato dará cobertura ás necesidades de mantemento, xestión, soporte especializado e evolución dos sistemas informáticos que sosteñen os servizos dixitais da Administración autonómica
A empresa adxudicataria asumirá tarefas de instalación, configuración, actualización e mellora continua de elementos software e hardware, garantindo que estas Infraestruturas tecnolóxicas funcionen sen interrupcións, con seguridade e de forma eficiente as 24 horas do día

O Consello de Goberno da Xunta deu luz verde ao expediente de contratación do servizo de administración das infraestruturas e plataformas tecnolóxicas da Xunta xestionadas pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). O contrato conta cun orzamento de licitación (IVE incluído) de 6,7 millóns de euros e un valor estimado de 13,3 millóns de euros, con cargo ás anualidades 2026, 2027 e 2028.
Esta contratación responde á crecente complexidade das infraestruturas tecnolóxicas da Administración autonómica, o que fai necesario complementar os medios propios con servizos especializados que garantan a correcta administración dos sistemas. Deste xeito, reforzarase a capacidade operativa para asegurar a continuidade e a calidade dos servizos dixitais públicos.
O servizo permitirá garantir o funcionamento dos servidores e sistemas informáticos, previr e resolver avarias ou caídas dos sistemas, monitorizar estes para que sexan seguros fronte a ataques ou fallos e actualizalos para que sigan sendo eficientes.
Entre as funcións da empresa adxudicataria figuran tamén a instalación, actualización, configuración e operación dos compoñentes hardware e software, así como a xestión da configuración dos sistemas, a administración de cambios, a realización de copias de seguridade e a atención de incidentes e solicitudes de servizo.
O equipo técnico contará con dispoñibilidade permanente as 24 horas os 7 días da semana para garantir a continuidade dos servizos. Neste contexto, o contrato inclúe tamén franxas de servizo especial para atender necesidades extraordinarias mediante a activación de tramos horarios específicos non fixos. Estes períodos poderán establecerse en función de intervencións programadas, picos de carga de traballo, actuacións técnicas singulares ou incidencias que requiran unha atención reforzada.
Ademais, a empresa prestará apoio técnico especializado en materia de arquitectura tecnolóxica, hardware e software, así como servizos de asesoramento, formación ao persoal e análise de posibles melloras tecnolóxicas relacionadas coa operativa e as infraestruturas xestionadas pola Amtega.
O prazo de execución é de 24 meses, que se poderá prorrogar por un prazo igual ou inferior. O valor estimado ten en conta as opcións contractuais de modificación e prórroga.