A Xunta inicia os traballos para deseñar o Plan director da industria das TIC

Mércores 06 de Marzo de 2024

A Xunta inicia os traballos para deseñar o Plan director da industria das TIC

Representantes da Conselleria de Economía, Industria e Innovación e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia mantiveron unha reunión con representantes do Clúster TIC Galicia

O secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, e a directora da Oficina de Apoio Estratéxico e Planificación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, María Bobillo reuníronse co Clúster TIC Galicia que supón o punto de partida para a elaboración do plan director da industria das TIC.

Trátase dun dos sectores declarados estratéxicos pola Xunta de Galicia xunto coa industria metalmecánica, a automoción, a construción naval, o sector forestal-madeira, e a loxística industrial.

Comeza, por tanto, o procedemento de elaboración e aprobación do plan director, no que, como primeiro fito, se levará a cabo unha consulta pública a través do portal de transparencia e goberno aberto para solicitar a opinión da cidadanía e das organizacións e asociacións máis representativas. Na elaboración do plan participarán, ademais da Xunta, o sector privado, representantes dos traballadores e resto de axentes implicados, como é o caso do Clúster TIC Galicia. Antes da súa aprobación por parte do Consello da Xunta de Galicia será necesario o informe do Consello Galego de Economía e Competitividade.

Deste xeito, preténdese contar cun instrumento consensuado e que dea unha resposta real ás necesidades do sector da industria das TIC. O plan contará con medidas, mecanismos e medios necesarios para fortalecer o sector, mellorar a competitividade, fomentar a súa internacionalización e sustentabilidade, impulsar a innovación industrial, incrementar o emprego industrial e estimular a captación de investimento.

Os plans directores, xunto co Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais son instrumentos da planificación da política industrial da Xunta enmarcados nunha estratexia que ten como obxectivo facilitar o proceso de adaptación e transformación enerxética e dixital da industria galega.