A Xunta impulsa a consolidación de Galicia como rexión de vangarda das novas tecnoloxías
A Xunta continúa dando pasos para consolidar Galicia como rexión de vangarda das novas tecnoloxías. A través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e cun traballo transversal, a Comunidade galega leva 15 anos avanzado neste eido.
Como resultado, Galicia é unha rexión punteira en intelixencia artificial ética e fiable e conta coa que foi a primeira Lei para a Supervisión da Intelixencia Artificial no ámbito da Administración pública. Así o recordou o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, que, acompañado do director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño Iglesia, visitou as obras do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia (CECIGA) en Ourense, que estará rematado no 2026.
Lembrou tamén que grazas á fortaleza de contar en Galicia coa sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA) estamos en situación de atraer cada vez máis empresas especializadas en IA.
Punteiros en ciberseguridade
Miguel Corgos apuntou que outra das prioridades no eido das novas tecnoloxías é converter Galicia en referente no eido da ciberseguridade, “coa implicación de administracións, empresas e cidadanía”. Neste sentido, lembrou os pasos dados nesta dirección, como o V Encontro CIBER.gal, que reúne en Santiago de Compostela ata o venres aos principais expertos en seguridade na rede.
E, por suposto, o CECIGA que, cun investimento de máis de 6 millóns de euros, se está a construír en Ourense, nunha parcela de 3.000 m2, dos que o edificio ocupará uns 2.000 m2. Estará dotado con espazos de monitorización e xestión de ciberseguridade, áreas de traballo e concienciación, zonas de uso externo e locais de emprendemento e de alugamento para empresas privadas e espazos para impartir formación especializada.
O conselleiro de Facenda afirmou que o Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia aspira a ser un punto de encontro e de apoio para calquera iniciativa de ciberseguridade que teña lugar na Comunidade galega. Un centro, rematou Miguel Corgos, no que “traballar en colaboración” coas deputacións provinciais, coas entidades locais, coas universidades galegas, cos centros tecnolóxicos e de innovación e co tecido empresarial do sector.