A Xunta e o Colexio Profesional de Enxeñaría en informática de Galicia organizan obradoiros de robótica para os rapaces hospitalizados
A Xunta está a desenvolver esta semana obradoiros de robótica e programación para menores ingresados en centros hospitalarios do sistema público de saúde, en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia.
A Consellería de Sanidade celebrou novas sesións no Hospital Clínico de Santiago de Compostela, no Chuac e no hospital Arquitecto Marcide de Ferrol. Hoxe xoves os obradoiros teñen lugar no HULA e no hospital Álvaro Cunqueiro, mañá venres no hospital de Ourense e, despois de Reis, no hospital Provincial de Pontevedra.
Nestes obradoiros realízanse actividades como transformar froitas e utensilios de cociña en mandos de xogos de ordenador; ou probar robots con forma de coche ou mascota que mudan o seu comportamento en función do son ambiental, da luz ou da distancia a outros obxectos grazas a sensores integrados.
Con estas actividades interactivas e prácticas, proporciónase unha distracción positiva da situación médica de cada paciente e agárdase que contribúa á súa recuperación emocional e mental, xa que a hospitalización é unha fonte de estrés para nenas e nenos e as súas familias. Por iso, os obradoiros están pensados para celebrarse en grupo e así favorecer a interacción social.
Os obradoiros son impartidos por empresas galegas do ámbito tecnolóxico a través dos seus plans de responsabilidade social corporativa e, para poder levalos a cabo, o Servizo Galego de Saúde destinou 11.500 euros á adquisición do material necesario.
Neste sentido, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia conta xa con experiencia previa en actividades didácticas destinadas á infancia xa que desde o ano 2010, en colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, organiza as charlas “Navega con Rumbo”. Nestas sesións xa participaron milleiros de alumnos para formarse sobre a navegación segura en internet e o uso seguro das redes sociais.