A Xunta e o Banco de España impulsan unha nova edición das sesións formativas Finanzas Para Todos na Rede CeMIT

Venres 12 de Xuño de 2026

A Xunta e o Banco de España impulsan unha nova edición das sesións formativas Finanzas Para Todos na Rede CeMIT

As actividades terán lugar entre os meses de xuño e outubro en aulas de 5 concellos galegos
O obxectivo é facilitar aos participantes coñecementos básicos e ferramentas para o manexo das finanzas de forma responsable e informada nunha contorna dixital

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración co Banco de España, pon en marcha unha nova edición da iniciativa Finanzas para todos, orientada a mellorar a educación financeira da cidadanía e a reforzar a súa capacidade para tomar decisións económicas de maneira segura, responsable e informada.
As sesións comezarán o vindeiro 17 de xuño na aula CeMIT de Celanova e continuarán ata outubro nas aulas CeMIT de Abegondo, Ribeira, Vilagarcía de Arousa e A Coruña-Centro Cívico de Eirís. A iniciativa estrutúrase, un ano máis, en dous itinerarios formativos, cada un deles organizado en dúas sesións e cunha duración total de 7,5 horas.
Contido das sesións
O primeiro dos itinerarios estará centrado na xestión das finanzas persoais. Abordaranse cuestións como a elaboración dun orzamento, a identificación e clasificación de ingresos e gastos, o aforro, o investimento ou o endebedamento. Estes contidos servirán como base para que as persoas participantes poidan adquirir hábitos financeiros máis seguros e saudables.
Ademais, a formación incluirá exercicios prácticos relacionados co uso de contas bancarias, tarxetas e diferentes medios de pagamento. Tamén se prestará especial atención á prevención da ciberdelincuencia, ofrecendo pautas para actuar con maior seguridade nas operacións financeiras habituais a través de medios dixitais.
O segundo dos itinerarios servirá para afondar nos temas tratados no primeiro itinerario para ampliar a confianza da cidadanía no manexo das súas finanzas.
Durante as sesións formativas, empregaranse ferramentas dixitais (como LibreOffice ou simuladores) para favorecer a aprendizaxe práctica e o desenvolvemento das competencias dixitais. Ademais, promoverase o uso da dixitalización para xestionar o orzamento, analizar gastos e comparar servizos financeiros, ao tempo que se sensibiliza sobre os seus riscos no ámbito das decisións financeiras cotiás.
As persoas interesadas en asistir a esta formación poden consultar as actividades programadas a través da páxina web da Rede CeMIT, na que poderán realizar a súa inscrición.