Xunta e Ministerio de Industria colaboran na innovación e o desenvolvemento tecnolóxico no sector turístico

Venres 21 de Setembro de 2012

Xunta e Ministerio de Industria colaboran na innovación e o desenvolvemento tecnolóxico no sector turístico

O conselleiro de Presidencia e o presidente da Sociedade para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas asinaron hoxe un acordo neste sentido

O presidente de Segittur impartiu nas instalacións do Centro Superior de Hostalería de Galicia un relatorio dirixido aos membros do sector

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e o presidente da Sociedade Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas (Segittur), Antonio López de Ávila, asinaron hoxe un acordo de colaboración en materia de innovación e desenvolvemento tecnolóxico no sector turístico.

O presidente de Segittur e mais o conselleiro de Presidencia materializaron este acordo que suporá a adhesión da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia á plataforma Comparte Iniciativas, unha ferramenta de intercambio de transferencia tecnolóxica en materia turística posta a disposición das distintas comunidades autónomas, proxecto ao que xa se anexionaron outras Comunidades Autónomas como La Rioja, Murcia ou Extremadura.

Segundo explicou López de Ávila, a sinatura deste convenio marco de colaboración co Goberno galego constitúe una peza máis no camiño do “espírito de El Hierro”, cuxa base é compartir e traballar conxuntamente entre as distintas administracións para aforrar custes, compartir coñecemento e desenvolvemento tecnolóxico que redunden en beneficio do sector turístico.

O acordo tamén prevé que Segittur apoie a Galicia na internacionalización das empresas e dos proxectos turísticos innovadores da nosa comunidade, acompañándonos na apertura de novos mercados. Ambos organismos colaborarán no intercambio de experiencias no desenvolvemento de soportes tecnolóxicos de xestión, que contribúan a incrementar a cualificación das empresas turísticas, a mellorar a súa xestión interna e a fomentar a participación dos empresarios no desenvolvemento dos seus destinos.

Turgalicia
O Goberno galego e en particular a Administración Turística ten apostado de forma prioritaria nos últimos anos pola utilización das Novas Tecnoloxías da Información para dar a coñecer o destino. Turgalicia ten sido a primeira institución turística de España en contar cun Contact Centre Social Media, o que implicou pasar de prestar aos usuarios turísticos un servizo reactivo a prestar un servizo proactivo.

Outras iniciativas que se teñen posto en marcha dende Turismo de Galicia que resultaron pioneiras no territorio español foron a creación dun software de xestión para pequenos establecementos hoteleiros –polo que xa se teñen interesado varios entes turísticos, como por exemplo Segittur-; a organización de blogtrips ou o deseño de aplicacións para smartphones específicas. Iiniciativas como a Central de Reservas de Turismo Rural de Galicia xa forman parte de proxectos de transferencia tecnolóxica a nivel europeo.

Coa sinatura deste acordo, Segittur e a Xunta de Galicia traballarán no intercambio de experiencias e proxectos relacionados coas novas demandas do sector e coa xeración de emprego, dando prioridade ás políticas de apoio aos programas de emprendedores.

Conferencia sobre impulso á innovación no sector turístico
O presidente de Segittur impartiu no Centro Superior de Hostalería de Galicia un relatorio sobre as posibilidades da Sociedade Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas como responsable do impulso á innovación (I+D+i) no sector turístico español nos eidos público e privado.

Segundo López de Ávila, o obxectivo de Segittur é favorecer a migración cara un novo modelo de crecemento turístico en España baseado na creación, desenvolvemento e consolidación de empresas e destinos turísticos intensivos en innovación e coñecemento, que permitan crear novos mercados e nichos de negocio, así como expandir os existentes cara aqueles segmentos de meirande valor engadido en rendibilidade económica e ambiental.

O catro eixos de actuación de Segittur son as novas tecnoloxías, a innovación, o apoio aos emprendedores, así como a exportación do know-how turístico. O presidente de Segittur falou durante a súa intervención en Santiago de Compostela do apoio aos emprendedores do sector turístico. Para isto, dixo, “poranse en marcha varias accións encamiñadas a impulsar o espírito emprendedor e a creación de novas empresas a través de accións relacionadas coa atracción e retención do talento, a xanela única turística, programas de financiamento e mentoring”.

Novo software de pequenos establecementos turísticos
En Galicia hai 884 hoteis e 1.181 pensións, segundo o Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas. Co obxectivo de mellorar o sistema de xestión interna dos establecementos hostaleiros de toda Galicia, o Instituto de Estudos Turísticos de Galicia –IET de Galicia- ven de deseñar unha ferramenta pioneira de xestión de establecementos hostaleiros. Trátase dun software libre que permite unha xestión profesional e mais operativa aos responsables dos pequenos establecementos hoteleiros de Galicia que carezan de dispositivos e ferramentas tecnolóxicas axeitadas para realizar o seu traballo cotián como realizar reservas e facturas nunha base de datos ordenada de clientes; procurar e modificar esas reservas ou facturas apropiadamente en función das características de cada pensión e de cada cuarto dispoñible; obter informes de xestión e plannings semanais e/ou mensuais de limpeza, de datos de ocupación; isto é, operacións do día a día que afectan á carga de traballo do empresario, xerente, recepcionista, persoal de limpeza, de todo o plantel.

A ferramenta é compatible con outros sistemas, e algunhas entidades e organizacións turísticas como Segittur xa amosaron a Turismo de Galicia o seu interese por coñecer a ferramenta e estudar unha posible cesión da mesma. A directora do IET Galicia, Rosanna López, foi a encargada de presentar ao presidente de Segittur e tamén de informar aos membros do sector sobre o interés amosado por Segittur nesta iniciativa pioneira en Galicia de creación deste software, así como a dispoñibilidade de Turismo de Galicia para levar a cabo o proceso de transferencia desta tecnoloxía a outras comunidades.