A Xunta destaca o papel estratéxico do Nodo Conectivi.gal para situar a Galicia á vangarda das tecnoloxías sen fíos

Venres 21 de Novembro de 2025

A Xunta destaca o papel estratéxico do Nodo Conectivi.gal para situar a Galicia á vangarda das tecnoloxías sen fíos

Serán claves no desenvolvemento de proxectos estratéxicos como a Plataforma Galega de Mobilidade, a Plataforma Agroforestal, as Residencias Intelixentes ou o Xemelgo Dixital de Galicia

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Julián Cerviño, destacou hoxe na VI Edición do Foro Telecos, a importancia das tecnoloxías sen fíos para dar resposta ás necesidades específicas de Galicia e o papel que está a desempeñar o nodo Conectivi.gal neste ámbito.
O responsable da Axencia sinalou que as demandas de conectividade creceron exponencialmente e esténdense a todo tipo de dispositivos, que deben estar conectados para facilitar información sobre o territorio ou para a xestión de datos. Por iso, a Xunta evolucionou o nodo 5G, creado en 2018, ao Nodo Conectivi.gal, unha estrutura público-privada para situarnos á vangarda do desenvolvemento de tecnoloxías como NB-IoT, LoRaWAN ou WiFi HaLow, ademais de fomentar o seu uso e aplicación e xerar coñecemento arredor delas.
Estas tecnoloxías serán claves no desenvolvemento de proxectos estratéxicos como a Plataforma Galega de Mobilidade, a Plataforma Agroforestal, as Residencias Intelixentes ou o Xemelgo Dixital de Galicia.


Un sector tecnolóxico galego en crecemento 
O director da Amtega concluíu recoñecendo o papel fundamental do sector tecnolóxico galego, que supera xa os 23.000 profesionais cualificados, configurando un ecosistema innovador, dinámico e preparado para liderar o presente e o futuro dixital de Galicia.