A Xunta destaca o papel da intelixencia artificial para humanizar a administración e dotar de maior eficacia aos servizos públicos

Xoves 16 de Outubro de 2025

A Xunta destaca o papel da intelixencia artificial para humanizar a administración e dotar de maior eficacia aos servizos públicos

A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, e o director da Amtega, Julián Cerviño Iglesia, inauguraron esta tarde o curso monográfico A regulación da intelixencia artificial: sistemas e datos. Regulación europea, estatal e autonómica
No acto inaugural participou o director da Axencia Española de Protección de Datos, Lorenzo Cotino Hueso
Durante dous días, destacados expertos en Dereito Administrativo analizarán os principios éticos e xurídicos que deben rexer a intelixencia artificial, a súa aplicación na Administración, a nova norma galega, as medidas de impulso e a súa gobernanza, entre outros temas

Destacados expertos nacionais en Dereito Administrativo participan desde hoxe na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) no curso monográfico A regulación da intelixencia artificial: sistemas e datos. Regulación da normativa europea, estatal e autonómica. Esta acción formativa está organizada pola EGAP e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), e conta coa colaboración do Observatorio Internacional da Regulación de Entidades do Sector Público.

O curso monográfico foi inaugurado esta tarde pola directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos; o director da AMTEGA, Julián Cerviño, e o profesor de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago e director do curso, Marcos Almeida Cerreda.

A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, destacou a importancia do curso no que se analizará o marco normativo da intelixencia artificial desde unha perspectiva europea, estatal e autonómica, con especial atención á lexislación galega recentemente aprobada pola Xunta de Galicia.

Durante a súa intervención, sinalou que “é preciso regular e garantir que o emprego dos sistemas de IA por parte do sector público non supoña unha mingua dos dereitos dos cidadáns nin un debilitamento do Estado de dereito no mundo dixital”.

Sonia Rodríguez-Campos afirmou que con este curso monográfico “preténdese humanizar a intelixencia artificial” e nel afondarase nas vantaxes e riscos que conleva o uso da IA na Administración pública polo que “é preciso que o persoal empregado público estea formado e preparado para aplicar esta nova tecnoloxía, que permitirá mellorar o modelo de relación entre as administracións e os cidadáns e ofrecer uns servizos públicos con maior calidade e eficiencia”.

Pola súa banda, o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño Iglesia, destacou a importancia de que o persoal empregado público coñeza o novo marco de regulación sobre os usos dos sistemas de intelixencia artificial na Administración e nos servizos públicos.

Indicou, así mesmo, que a intelixencia artificial “pode humanizar a Administración e darlle un novo valor e sentido ao traballo do persoal empregado público, que poderá centrarse máis nas persoas e na supervisión das tarefas automatizadas”.

Cerviño puxo en valor que “Galicia foi a primeira rexión europea en afrontar a responsabilidade de trasladar e adaptar a unha lei propia os principios e obrigas recollidos no Regulamento europeo de IA”.

O profesor de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago, Marcos Almeida Cerredo, sinalou que durante o curso analizarase a nova lei galega sobre intelixencia artificial desde diferentes puntos de vista e destacou a importancia da presenza de destacados expertos en intelixencia artificial nesta actividade formativa.

A sesión inaugural correu a cargo do director da Axencia Española de Protección de Datos, Lorenzo Cotino Hueso, que impartiu un relatorio sobre O Regulamento (UE) 2024/1689 polo que se establecen normas harmonizadas en materia de intelixencia artificial.

De seguido, celebrouse unha mesa redonda sobre A gobernanza da intelixencia artificial e os principios xerais para asegurar unha IA ética e fiable. Nela participaron o delegado de Protección de Datos da Universidade de Alacante, Rubén Martínez Gutiérrez, e Martín Mª Razquín Lizarraga, da Universidade de Navarra. A mesa redonda foi moderada polo profesor Marcos Almeida.

A través dos distintos relatorios impartidos por destacados expertos nacionais en Dereito Administrativo abordaranse os principios éticos e xurídicos que deben rexer o uso da IA, a súa aplicación na Administración pública, as medidas de impulso e a súa gobernanza, a contratación pública e a formación de empregados e cidadanía, nun contexto de transformación dixital, responsable e segura.

Programa do venres

O curso monográfico continuará mañá venres co relatorio que ofrecerá Patricia Valcárcel Fernández, da Universidade de Vigo, titulado As medidas para o impulso da intelixencia artificial, en especial en Galicia. A continuación, participará Agustí Cerrillo Martínez, da Universitat Oberta de Catalunya, que afondará sobre O uso da intelixencia artificial e modelos de intelixencia artificial no seo das administracións públicas.

 De seguido, Matilde Carlón Ruiz, da Universidade Complutense de Madrid, impartirá unha charla sobre A planificación, xestión e colaboración administrativa no campo da intelixencia artificial. Por último, María José Roca Fernández, da Universidade Complutense de Madrid, falará sobre Os dereitos da cidadanía e as súas garantías, en especial as persoas comisionadas de intelixencia artificial.