A Xunta destaca a capacidade de Galicia para converterse nun referente na implantación da IA
O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) subliñou hoxe a capacidade da comunidade para consolidarse como referente nacional na implantación da intelixencia artificial (IA), froito dun traballo continuado en planificación e normativa que sitúa Galicia nunha posición de vangarda. O responsable do departamento autonómico participou hoxe na Coruña na presentación do proxecto Allocate, de cuxo consello asesor formará parte a Axencia autonómica.
Julián Cerviño lembrou que Galicia foi unha das primeiras comunidades autónomas en elaborar unha estratexia propia de intelixencia artificial (EGIA2030), que dispón dun marco normativo pioneiro a nivel estatal e acolle a sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (Aesia), o que reforza o compromiso da comunidade cun desenvolvemento responsable e seguro destas tecnoloxías.
Ademais, destacou a aprobación, esta mesma semana, do Programa Galego de IA, dotado cun orzamento de 54 millóns de euros para estender o uso da intelixencia artificial a todos os ámbitos: administración pública, tecido empresarial e cidadanía.
Entre as iniciativas recollidas no Programa figuran liñas de apoio para que as pequenas e medianas empresas poidan incorporar solucións de IA nos seus procesos produtivos como o Programa de axudas IA 360 ou o Ticket Innova, dotados con 4 millóns e que se convocarán en xaneiro. Ademais, para facilitar a adopción da IA polos concellos e, especialmente, polos máis pequenos, a Xunta articulará acordos marco aos que se poidan adherir, unha fórmula que simplifica e axiliza os procesos de contratación, o que redunda na redución de custos e os tempos para a implantación de solucións.
Proxecto Allocate
Allocate é unha iniciativa europea destinada a impulsar a adopción da intelixencia artificial para optimizar servizos públicos como mobilidade, residuos, emerxencias ou atención á cidadanía. No Concello da Coruña, a iniciativa conta cun orzamento de 5,5 millóns de euros, dos que 4,4 proceden de fondos europeos e un prazo de execución de 3 anos e medio para mellorar servicios e a vida dos cidadáns.