A Xunta destaca a aposta pola creación, atracción e retención de talento como clave para seguir avanzando na especialización tecnolóxica de Galicia
artificial
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou hoxe a aposta pola creación, atracción e retención de talento como clave para seguir avanzando na especialización tecnolóxica de Galicia, incrementando o nivel de madurez dixital nos ámbitos da conectividade, da capacitación e dos servizos públicos.
Durante a inauguración do VI Foro de responsables autonómicos de digitalización, Corgos incidiu en que a complexidade dos retos actuais esixe perfís técnicos cualificados, capaces de deseñar, implementar e manter solucións dixitais robustas. “Por iso, desde a Administración galega queremos atraer e reter profesionais con competencias en intelixencia artificial, ciberseguridade, ciencia de datos, arquitectura de sistemas e xestión de proxectos dixitais”, precisou.
O Foro, organizado pola Comunidade galega, contou coa presenza de representantes das Comunidades Autónomas de Aragón, Navarra, Canarias, Cantabria, Castela-León, Castela-A Mancha, Cataluña, Madrid, Murcia, Estremadura, Baleares e Asturias, ademais
do director da AESIA.
O conselleiro de Facenda recordou que foi o traballo conxunto e continuado no tempo entre o sector público e o privado o que fixo posible que Galicia estea á vangarda no campo das novas tecnoloxías, sendo unha das primeiras comunidades en contar con
nodos de colaboración público privada en 5G, ciberseguridade e intelixencia artificial.
Neste último campo, a IA, subliñou que Galicia foi a primeira rexión europea en aprobar unha Lei para regular a súa aplicación no sector público, ademais de atraer para a cidade da Coruña a sede da Axencia Europea de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA).
Así mesmo, resaltou que Galicia dará tamén un gran salto en materia de ciberseguridade, coa finalización o vindeiro ano da construción en Ourense do Centro de Ciberseguridade de Galicia (CECIGA). Un edificio que, en colaboración coas deputacións, coa Fegamp, coas universidade, cos centros tecnolóxicos e de innovación e co tecido empresarial do sector, converterase no punto de encontro para calquera iniciativa neste eido que teña lugar na Comunidade.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública concluíu lembrando que Galicia mobilizará máis de 2.450 M€ coa Axenda Dixital 2030, entre fondos propios e da UE, para que estas tecnoloxías de alto impacto permitan unha Administración máis eficaz, máis
personalizada e máis accesible, unha xestión intelixente do territorio –sobre todo os sectores primarios, as infraestruturas rurais e a mobilidade-, unha mellora da saúde e o benestar social e unha economía dixital e sostible.