A Xunta defende no Foro AICS de Murcia a importancia de lexislar o uso da Intelixencia Artificial na Administración

Mércores 01 de Outubro de 2025

A Xunta defende no Foro AICS de Murcia a importancia de lexislar o uso da Intelixencia Artificial na Administración

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia participa en dúas mesas redondas xunto con responsables de dixitalización doutras CC AA e profesionais do Dereito

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, defendeu hoxe o enfoque da Xunta para a aplicación da intelixencia artificial no sector público a través dunha lei que complemente o Regulamento europeo e teña en conta os retos específicos do seu ámbito.
Cerviño interveu hoxe no Foro AICS sobre Intelixencia Artificial e Ciberseguridade que organiza a Rexión de Murcia, no que participan máis de trinta especialistas e representantes das administracións.
O responsable da axencia autonómica galega expresou o seu rexeitamento á idea de que a lexislación sobre IA poida representar un freo ao desenvolvemento desta tecnoloxía, sempre que as normas adoptadas teñan en conta as necesidades de innovación ao servizo das persoas e o benestar da sociedade.
O Foro, que se desenvolve en dúas xornadas, foi inaugurada esta mañá polo conselleiro de Economía, Facenda, Fondos Europeos e Transformación Dixital da Comunidade Autónoma da Rexión de Murcia, Luis Alberto Marín.
Na primeira das mesas, o representante galego estivo acompañado polo director xerente da Axencia de Transformación Dixital de Castela A Mancha, Juan Ángel Morejudo; e pola conselleira delegada da Axencia para a Administración Dixital da Comunidade de Madrid, Elena Liria. Esta mesa foi moderada polo director xeral de Transformación Dixital da Rexión de Murcia, Javier Martínez.
Esta tarde, o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia participa nunha mesa sobre “A IA e o Dereito” xunto coa responsable da Área de Dereito Dixital de KPMG Abogados, Noemí Brito, e o presidente da Sección TIC do Colexio de Avogados de Murcia, Samuel Parra.