A Xunta de Galicia renova a sede electrónica cun novo deseño que facilita as buscas e as consultas desde o móbil

Martes 18 de Marzo de 2025

A Xunta de Galicia renova a sede electrónica cun novo deseño que facilita as buscas e as consultas desde o móbil

Apóstase pola personalización dos servizos co novo apartado Para ti, que organiza a información por colectivos
O proceso de mellora continuará en fases sucesivas con cambios na carpeta cidadá, a simplificación da linguaxe e novas canles de asistencia virtual

A Xunta renova a súa sede electrónica para facela máis accesible, personalizada e proactiva. A nova versión da sede.xunta.gal, parte da premisa de poñer ás persoas no centro dos servizos dixitais e introduce unha serie de melloras para simplificar o acceso aos trámites, facilitar as buscas e a visualización desde calquera dispositivo móbil.

O novo portal conta cun deseño máis sinxelo para facilitar o acceso aos principais servizos da sede. Para simplificar as buscas, agora o buscador está sempre visible na parte superior da web e a barra de busca ofrece suxestións automáticas cunhas etiquetas máis claras, amplas e fáciles de ver. Tamén se melloraron aspectos na visualización en dispositivos móbiles, para facilitar ao máximo o acceso dende calquera canle.

Refórzase, ademais, a personalización dos servizos coa creación do apartado Para ti, que permitirá o acceso á información de servizos dirixidos a colectivos específicos, como familias, mocidade, persoas desempregadas, persoas emprendedoras, etc...

Esta nova versión da sede electrónica é un paso máis no proceso que está a abordar a Xunta de Galicia para ofrecer servizos dixitais desde unha perspectiva multicanle, que abrangue a sede, a aplicación XuntaEU e as oficinas de asistencia á cidadanía, facendo especial fincapé na personalización dos servizos e na simplificación do acceso aos trámites.

Novas fases da renovación

O redeseño do portal da sede electrónica é a primeira fase dun proceso que terá continuidade en próximas fases coa diferenciación da carpeta persoal e a carpeta profesional que permitirá consultar de maneira separada os trámites de carácter persoal dos realizados como profesional, a simplificación da linguaxe que se emprega nos procedementos administrativos e servizos e o desenvolvemento de canles de asistencia virtual para apoiar e acompañar na consulta de información e na tramitación.

Sede electrónica e XuntaEU

A Sede electrónica da Xunta de Galicia é a porta de entrada en internet aos trámites da Administración autonómica para a cidadanía e as empresas. Para ampliar o acceso aos servizos públicos dixitais, a finais de 2023, púxose en marcha a aplicación móbil corporativa XuntaEU, que permite, entre outras utilidades, a xestión da Chave365, a consulta dos expedientes recollidos na Carpeta cidadá, as notificacións administrativas ou as tarxetas virtuais acreditativas e certificados persoais xestionados e emitidos pola Xunta de Galicia. XuntaEU conta hoxe con máis de 62.300 descargas.