A Xunta de Galicia libera como software libre o proxecto "Apunta" para facilitar a súa reutilización

Luns 06 de Outubro de 2025

A Xunta de Galicia libera como software libre o proxecto "Apunta" para facilitar a súa reutilización

Esta plataforma web permite xestionar a inscrición de cidadáns en diversas actividades que organiza a Administración autonómica
Esta publicación está enmarcada no Plan de Software Libre da Amtega, como un fito máis dentro da aposta pola difusión e o fomento do software libre en Galicia

A Xunta vén de publicar a plataforma web Apunta (https://apunta.xunta.gal/gl) como software libre. Esta ferramenta, desenvolvida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), facilita que os cidadáns poidan inscribirse en actividades organizadas pola Administración autonómica e as súas entidades públicas instrumentais, así como enviarlles determinadas comunicacións.
Apunta permite a publicación rápida de formularios web que se poden completar sen necesidade de usar mecanismos de autenticación persoal. Todo isto sen facer uso de ferramentas de formularios doutras compañías tecnolóxicas, de xeito que os datos introducidos están sempre baixo o control de quen instala e administra cada versión de Apunta.
O proxecto foi construído a partir de Drupal, unha ferramenta de xestión de contido modular e de código aberto. O uso desta tecnoloxía demostra que o software libre se pode empregar para a elaboración de aplicacións profesionais en contornos de alta utilización, garantindo calidade e fiabilidade. Ademais, esta aposta polo software libre supón unha racionalización do gasto público.
O código de Apunta publícase cunha dobre licenza: a EUPL (European Union Public License) e a AGPL (Affero General Public License). A licenza AGPL garante que calquera reutilización do código seguirá sendo libre, en consonancia co ecosistema de Drupal que se rexe pola licenza GPL. A licenza EUPL, pola súa banda, garante unha maior protección legal ao estar adaptada ao contexto normativo europeo, cumprindo así coas recomendacións en materia de reutilización no eido da administración pública.
Esta liberación únese á lista de aplicacións que foron desenvolvidas pola Xunta de Galicia para resolver diferentes necesidades e que, a través do Plan Anual de Software Libre, se van publicando como software libre co fin de que poidan ser reutilizadas por outras administracións ou calquera outra entidade ou particular a quen poida resultar útil. Esta reutilización fará posible tamén a mellora da propia ferramenta con achegas externas.
Plan Anual de Software Libre
A liberación de Apunta enmárcase no Plan de Acción en materia de Software Libre da Xunta de Galicia e contou coa participación da Oficina de Software Libre da Amtega, que elaborou un informe técnico que garante a viabilidade xurídica da liberación e as condicións nas que se pode realizar.
Dende que no ano 2010 a Xunta puxera en marcha, por primeira vez en Galicia, un plan específico orientado ao fomento do Software libre, na Comunidade téñense conseguido importantes avances na súa adopción e no seu uso nos diversos ámbitos da nosa sociedade.
Os eixos principais de actuación para o fomento de solucións tecnolóxicas baseadas en software libre teñen como obxectivos o fortalecemento do sector empresarial galego, o achegamento de software libre ao conxunto da sociedade e o fomento da reutilización do software na administración pública.