A Xunta de Galicia lanza unha nova área privada da sede electrónica para facer máis sinxelo e seguro o acceso aos servizos dixitais
A Xunta publica hoxe unha nova versión da área privada da súa sede electrónica, deseñada para mellorar de forma significativa a experiencia das persoas usuarias e reforzar tanto a seguridade como a accesibilidade na tramitación electrónica.
A nova área privada incorpora un deseño gráfico renovado e máis intuitivo, adaptado a todo tipo de dispositivos. Ademais, facilita a xestión dos datos persoais, permitindo a súa consulta e actualización de maneira áxil e segura. Apostouse por unha reorganización dos contidos coa incorporación da sección Os meus Documentos, que permite acceder de forma centralizada a certificados, copias electrónicas auténticas e documentación previamente presentada.
Outro dos avances incluídos nesta versión é a mellora na presentación de solicitudes e formularios, que agora conta con modelos dinámicos capaces de adaptarse ás respostas da persoa usuaria, o que reduce a complexidade e o tempo necesario para completar trámites. Esta funcionalidade implantarase de forma progresiva coa incorporación de novos formularios e xa está dispoñible na solicitude xenérica a través do procedemento PR004A.
Tamén hai novidades na firma dixital, ao incluír a posibilidade de asinar desde dispositivos Android mediante certificado ou DNI electrónico.
Seguintes fases
Esta evolución forma parte do proceso continuo de renovación que está a desenvolver a Xunta para facilitar o acceso da cidadanía aos servizos dixitais. Nas vindeiras fases, prevese a incorporación de novas funcionalidades á parte privada da sede electrónica, como a integración de tarxetas e certificados (como o Carné Xove ou títulos profesionais), a inclusión de avisos personalizados durante o proceso de identificación, e a creación dun historial visual para facer seguimento dos expedientes.
Tamén se introducirá unha separación clara entre a Carpeta Persoal e a Carpeta Profesional, o que permitirá distinguir os trámites realizados a título individual daqueles que se efectúan como empresa, autónomo/a ou representante legal.
Con esta nova versión, a sede electrónica da Xunta de Galicia dá un novo paso cara a unha administración máis próxima, dixitalmente avanzada e centrada nas necesidades reais da cidadanía galega.