A Xunta convoca a V edición do concurso "Ciberseguridade no Cole!" para sensibilizar aos escolares sobre o uso seguro da tecnoloxía
O concurso “Ciberseguridade no cole” celebra este ano a súa quinta edición co obxectivo de concienciar, dunha forma lúdica, aos máis pequenos sobre o uso seguro da tecnoloxía. A actividade, enmarcada na celebración do V Encontro Galego de Ciberseguridade, CIBER.gal, está dirixida a alumnado de 4º e 5º de Primaria e 1º e 2º da ESO dos centros educativos de Galicia.
O prazo de inscrición ao concurso, que está organizado por Telefónica, permanecerá aberto ata o día 6 de outubro neste enlace, onde tamén se poden consultar as súas características e bases. Ao igual que anteriores edicións, o certame contará cunha fase en
liña ata o 15 de outubro, na que se decidirán os grupos que participarán na final, que terá lugar nun acto que se celebrará o 7 de novembro da Cidade da Cultura de Galicia.
A final desenvolverase no marco do V Encontro CIBER.gal, que os días 5, 6 e 7 de novembro reunirá en Santiago de Compostela a destacados especialistas e profesionais de seguridade da información. CIBER.gal está consolidada como unha das citas de referencia para a ciberseguridade en España grazas ao esforzo das entidades que integran o Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, liderado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
A participación no Concurso Ciberseguridade no cole experimentou un crecemento constante desde a súa posta en marcha. Na última edición, o certame reuniu a máis de 6.700 rapaces e rapazas de entre 10 e 14 anos, procedentes de máis de 120 centros educativos, o que reflicte o crecente interese da comunidade escolar pola ciberseguridade e o uso responsable das tecnoloxías.