A Xunta convirte Santiago en centro do debate sobre o futuro tecnolóxico do turismo
O Centro GaiásTech, situado na Cidade da Cultura, acollerá o vindeiro 10 de xuño unha xornada sobre o papel dos ecosistemas de datos na transformación dos destinos turísticos intelixentes organizada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
O encontro poñerá o foco no uso dos datos para mellorar a xestión turística, optimizar a toma de decisións e avanzar cara a modelos máis sostibles e eficientes. Tamén abordará cuestións como a creación de espazos de datos e o desenvolvemento de plataformas tecnolóxicas.
Programa centrado na aplicación práctica dos datos no turismo
A xornada, que será inaugurada polo Conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, estrutúrase arredor de relatorios e unha mesa de debate que ofrecerán unha visión práctica do uso da información no sector. Tras a apertura institucional, o presidente de Segitur, Enrique Martínez Marín, explicará o papel da Plataforma Intelixente de Destinos (PID) e da Plataforma de Innovación Aberta (PIA) como base para avanzar cara a un gran espazo de datos turístico.
A continuación, terá lugar unha mesa de debate sobre os espazos de datos no sector turístico e nos retos asociados á súa implantación. Na mesa intervirán profesionais como Olga Veiga, responsable de proxectos europeos en AnySolution; Mohammed Mazroua,
director da Liña de Mercados e Sistemas de Información en Eurecat; Eliane Van Branteghem, responsable de proxecto Metaheritage da Rede Crusoe e Jaime Leirós, da Área de Estudos e Investigación de Turismo de Galicia, baixo a moderación de María José
García Sexto, directora da Área de Administración Dixital da Amtega.
Logo dunha pausa para o networking entre os asistentes, o programa continuará cos relatorios de Damián Rey, director da Amtega, centrado na aplicación da tecnoloxía ao turismo galego; e de Enrique Lancis, CEO de Humania-labs, que presentará unha visión sobre as tendencias tecnolóxicas emerxentes.
Aberto o prazo de inscrición
As persoas interesadas en asistir ao encontro poden inscribirse xa a través da web de GaiásTech. O evento está dirixido a profesionais do sector turístico, administracións públicas, empresas, centros tecnolóxicos e axentes implicados na innovación e dixitalización dos destinos.
Máis información e inscrición nesta ligazón.