A Xunta consolida a xestión dixital centralizada da atención a persoas maiores e colectivos vulnerables

Luns 12 de Maio de 2025

A Xunta consolida a xestión dixital centralizada da atención a persoas maiores e colectivos vulnerables

O Consello aproba destinar ata case 6 millóns de euros á evolución dos sistemas de xestión dos centros de Política Social e do censo de residentes
O portal de familias dará acceso a todo tipo de información sobre alimentación das persoas residentes, coidados, condicións das habitacións, incidencias, evolución de patoloxías ou citas médicas
O sistema de cociña e comedor permitirá xestionar os menús e dietas, facer cálculos de ingredientes e dispoñer dun mapa coa situación das mesas e localización dos comensais para garantir unha atención personalizada
Integrará os sistemas de control das capacidades físicas ou a monitorización do índice de fraxilidade para axustar coidados e tratamentos e facilitar un envellecemento activo

O Consello de aprobou hoxe a contratación dos servizos que permitirán actualizar e mellorar os sistemas tecnolóxicos de xestión dos centros de política social (CENPOS) e o sistema de xestión do centro de residentes (CENRES). O contrato terá unha duración de tres anos e contempla a posibilidade de prórroga, cun orzamento estimado de case seis millóns de euros.

O contrato permitirá a mellora do sistema tecnolóxico CENPOS de xestión das residencias de atención sociosanitaria dependentes de Política Social (para maiores ou persoas con discapacidade) en aspectos como a xestión administrativa, as actividades de comedor e cociña, a comunicación e participación das familias, as tarefas de inspección, a xestión de contratos e financiamento de prazas en entidades externas ou as actividades relacionadas co envellecemento activo e o benestar das persoas residentes.

O novo modelo inclúe novas funcionalidades para o portal de familias, que poderán acceder a todo tipo de información e manter un contacto permanente cos centros. Inclúe información sobre a alimentación das persoas residentes, os coidados que reciben, as condicións das habitacións, as incidencias, a evolución das patoloxías, as citas médicas, os ingresos no hospital, etc.

Tamén mellora o sistema de xestión das cociñas e comedores a través do control dos menús e dietas, o cálculo de ingredientes necesarios en función dos comensais e necesidades específicas, ou da disposición dun mapa coa situación das mesas e localización dos comensais para garantir unha atención personalizada.

Ademais de integrar e simplificar todo tipo de tramitacións administrativas e introducir tecnoloxías de automatización de procesos, o modelo integrará os sistemas de control das capacidades físicas das persoas residentes ou a monitorización do índice de fraxilidade para axustar coidados e tratamentos e facilitar un envellecemento activo.

Na actualidade, o sistema CENPOS, ao que se accede dende unha contorna web ou dende dispositivos móbiles, estase a utilizar en 238 centros dependentes da Consellería de Política Social e Igualdade, entre os que se atopan residencias e mini-residencias de maiores, centros asistenciais de persoas discapacitadas, vivendas comunitarias, centros de día, centros de menores ou centros sociocomunitarios.

Censo de residentes
O contrato tamén inclúe a mellora do censo de residentes CENRES, que integrará aos centros de día, así como utilidades para facilitar a xestión de contratos, concertos e acordos de financiamento de prazas concertadas en entidades externas.

O censo de residentes CENRES está implantado en máis de 500 centros públicos e concertados.

En terceiro lugar, o contrato inclúe a mellora do sistema de xestión de contratos de prazas en centros concertados (CONCEN) e a súa integración como un módulo máis do censo de residentes.

Modelo de atención sociosanitaria de Galicia
Esta actuación continúa o traballo do modelo de atención sociosanitaria apoiado na tecnoloxía que inclúe a plataforma de atención sociosanitaria; o modelo dixital de atención para residencia de maiores e discapacidade e o modelo de fogar intelixente e a promoción da autonomía persoal.

Entre as actuacións que xa están en funcionamento destaca a automatización de tomas de biomedidas. A través dun dispositivo industrial (tipo tablet) e dunha estación de traballo móbil intégranse de xeito inalámbrico diferentes elementos para a toma de biomedidas das persoas residentes como a tensión, temperatura, etc.

Tamén está en funcionamiento o modelo de habitación intelixente, que facilita a comunicación da persoa residente coa enfermería e permite, a través dun sistema de sensores, a monitorización de actividade, seguridade e confort nas habitacións e nos espazos comúns.

Outras utilidades destacadas que xa están en funcionamento son a integración de CENPOS cos sistemas do SERGAS; a integración cos novos sistemas de recuperación física e estimulación cognitiva virtual; o dispositivo móbil para o uso do sistema de información dende calquera estancia do centro; a vista residente 360, que permite a visualización nunha soa pantalla dos diferentes ámbitos dunha persoa usuaria do centro, tanto no aspecto de identificación, como asistencial e social; ou o cadro de mando residencial que permiten a visualización de diferentes indicadores de atención no ámbito asistencial e apoian o proceso de certificación da calidade.