A Xunta colabora coas Pemes na mellora das capacidades de resposta fronte aos retos da ciberseguridade
O Centro GaiásTech acolle hoxe unha xornada de formación que busca reforzar as capacidades do tecido empresarial galego
fronte aos retos da ciberseguridade. O encontro Blindando as PEMES: Laboratorio e centro demostrador de ciberseguridade en produtos con elementos dixitais da Xunta de Galicia, foi inaugurado polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de
Galicia, Damián Rey.
O máximo responsable da Axencia autonómica destacou que a xornada “enmárcase na liña estratéxica da Xunta para colaborar e compartir información, coñecementos e recursos para a seguridade”. Neste sentido, Rey lembrou que en materia de ciberseguridade a Xunta de Galicia apostou dende o primeiro momento “pola creación de espazos para a colaboración con acordos co Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe), ou o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), ou a creación do Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal e que mantén esa liña coa posta en marcha dun centro transrexional de innovación e competencia no ámbito da ciberseguridade.”
Demostracións prácticas e normativa
Durante a xornada abordaranse cuestións clave para o sector empresarial, como o incremento dos ciberataques ás organizacións e a necesidade de incorporar medidas de prevención e resposta que permitan minimizar o impacto destes incidentes. O programa
incluíu demostracións prácticas de ataques reais, entre eles un exercicio de suplantación de identidade, co obxectivo de mostrar como funcionan estas ameazas e como poden ser detectadas antes de causar danos.
Ademais, expertos en seguridade dixital abordaron os principais riscos que afrontan as pemes e as ferramentas dispoñibles para mellorar a súa protección. Entre os contidos tamén se analizou o impacto da nova directiva europea NIS2 e as obrigas que introduce para as empresas en materia de ciberseguridade.
A xornada enmárcase nun proxecto máis amplo impulsado pola Xunta que contempla a creación dun laboratorio transversal de ciberseguridade, formado por dúas infraestruturas complementarias. Por unha banda, un laboratorio centrado en produtos con elementos dixitais e, por outra, un laboratorio e centro demostrador de ciberseguridade industrial orientado á protección de infraestruturas e procesos produtivos fronte aos riscos dixitais.
Este espazo pretende converterse nun punto de referencia para a innovación e a transferencia de coñecemento en materia de seguridade tecnolóxica, facilitando ás empresas acceso a recursos, asesoramento especializado e contornos de demostración onde probar solucións de protección.
A iniciativa ten como obxectivo fortalecer a resiliencia do tecido empresarial galego nun contexto de transformación tecnolóxica acelerada. Para iso, busca fomentar a concienciación práctica sobre os riscos dixitais, facilitar a adaptación das empresas ás novas esixencias normativas e impulsar a colaboración entre o sector público, expertos en ciberseguridade e o ecosistema empresarial galego.
A iniciativa desenvólvese no marco do programa RETECH e conta con financiamento do Plan de Recuperación e fondos NextGenerationEU, a través de INCIBE.