A Xunta aproba un acordo marco para renovar os ordenadores dos centros educativos públicos nos vindeiros tres anos

Luns 27 de Outubro de 2025

A Xunta aproba un acordo marco para renovar os ordenadores dos centros educativos públicos nos vindeiros tres anos

Prevé un investimento de ata 30 millóns de euros para dotar os centros de 10.000 ordenadores de sobremesa, 10.000 portátiles e 28.000 ultraportátiles
O programa Abalar-E-Dixgal dotou os centros educativos públicos de Galicia con cerca de 100.000 ordenadores ata agora
Os novos equipos consolidan e manteñen actualizado o modelo en que o 100% do sistema educativo público conta con equipamento dixital

O Consello de Goberno da Xunta de Galicia aprobou hoxe a licitación dun acordo marco co obxectivo de cubrir as necesidades de ordenadores dos centros educativos públicos nos vindeiros tres anos, cun valor estimado de 29,4 millóns de euros. 

O acordo marco permitirá cubrir, a través de contratos derivados, as necesidades de ordenadores dos centros educativos de Galicia nos vindeiros tres anos, para cumprir cos obxectivos dos proxectos Abalar e E-Dixgal. Este acordo establece as condicións polas cales se lles poderán comprar ata 48.000 ordenadores ás empresa que resulten adxudicatarias para cada un dos tres lotes previstos. 

Estes tres lotes están formados por ata 10.000 ordenadores de sobremesa, 10.000 ordenadores portátiles e 28.000 ordenadores ultraportátiles, destinados ás aulas, aos profesores e ao alumnado. 

A contratación permitirá completar e manter actualizados os obxectivos do primeiro eixe de actuación do proxecto Abalar, que se refire á dotación de infraestruturas e equipamentos na totalidade dos centros educativos públicos de Galicia. Os outros eixes do proxecto son a formación e o fomento da cultura dixital, os contidos educativos dixitais e a participación e colaboración. 

Ata o de agora, a dotación de ordenadores xestionada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia dentro do programa Abalar-E-Dixgal é de 97.300 unidades. Nos dous últimos anos, ademais, instaláronse máis de 16.500 paneis interactivos para completar a dixitalización das aulas entre educación Infantil e 2º de bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial. 

Galicia foi unha das primeiras comunidades autónomas en dispor dunha estratexia de incorporación das tecnoloxías no proceso educativo, co proxecto Abalar, que se puxo en marcha en 2010. Esta estratexia permitiu dotar todos os centros educativos públicos de equipamentos como a aula dixital, ordenadores para alumnado e profesorado ou os contidos dixitais do proxecto E-Dixgal. Un dos obxectivos do modelo é o de igualar as oportunidades entre os ámbitos rurais e urbanos. A educación dixital, ademais, proporciona coñecementos e mecanismos de defensa ante o uso non adecuado das tecnoloxías.