A Xunta aposta pola colaboración e a especialización para afrontar os retos da ciberseguridade

Xoves 27 de Novembro de 2025

A Xunta aposta pola colaboración e a especialización para afrontar os retos da ciberseguridade

O director da Amtega lembrou que a Administración autonómica colabora co INCIBE e o CCN neste ámbito e que foi pioneira na creación dun nodo de cooperación público privada
Destacou o impulso de infraestruturas como o Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Ourense ou a iniciativa RETECH para crear unha rede de laboratorios demostradores
Puxo en valor o papel do sector TIC galego, integrado por máis de 3.000 empresas das que 750 ofrecen produtos ou servizos de ciberseguridade

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia destacou hoxe a importancia da colaboración institucional e empresarial e de avanzar na especialización tecnolóxica para facer fronte aos retos da ciberdelincuencia. O responsable do departamento autonómico participou hoxe na xornada “Ciberseguridade, protección dos cidadás e crecemento económico”, organizada pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG).
A colaboración, eixo central da estratexia galega 
O director da Amtega salientou que a Xunta entendeu “dende moi cedo” que a clave da defensa fronte ás ameazas dixitais estaba na cooperación. Nesa liña, lembrou a colaboración que mantén a Administración autonómica desde hai máis dun lustro co INCIBE e co Centro Criptolóxico Nacional (CCN), así como a creación en 2018 do Centro de Resposta a Incidentes de Ciberseguridade de Galicia (CSIRT.gal) que só en 2024, bloqueou máis de 237 millóns de intentos de ataque.
A Xunta foi tamén pioneira na creación da primeira estrutura autonómica de colaboración público-privada en materia de ciberseguridade: o nodo CIBER.gal, constituído en 2020 e do que xa forman parte máis de 50 empresas, así como concellos, deputacións, a FEGAMP, o CCN, o INCIBE, universidades e centros de investigación.
Aposta pola especialización tecnolóxica
Xunto coa colaboración, o director destacou a importancia de avanzar na especialización, dispoñendo de recursos e capacidades adaptadas ás necesidades da sociedade e do tecido económico galego.
Neste sentido, a Xunta impulsa infraestruturas clave como o Centro de Excelencia en Ciberseguridade que se está a construír en Ourense, e proxectos singulares como o centro de innovación e competencia en ciberseguridade, promovido conxuntamente con Cataluña e a Comunidade Valenciana. Este último é un dos proxectos seleccionados nas Redes Territoriais de Especialización Tecnolóxica (RETECH), cun orzamento de 58 millóns de euros, dos que case 19 millóns corresponden a Galicia.
Papel estratéxico do sector TIC galego
O director da Amtega destacou que esta especialización só é posible grazas á existencia dun ecosistema tecnolóxico forte e competitivo. Galicia conta actualmente con máis de 3.000 empresas tecnolóxicas, que dan emprego a máis de 23.000 profesionais, consolidándose como a quinta comunidade española con máis empresas TIC, só por detrás de Madrid, Cataluña, País Valenciano e Andalucía.
Actualmente, preto de 750 empresas TIC galegas ofrecen produtos ou servizos de ciberseguridade, consolidando un sector preparado para acompañar tanto ao tecido empresarial como ás administracións nos seus procesos de dixitalización e protección fronte
ás ameazas.