A Universidade Austral da Arxentina acolle unha clase maxistral sobre a lei galega para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial
O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Julián Cerviño, impartiu hoxe por videoconferencia unha clase maxistral dirixida ao alumnado de Dereito da Universidade Austral da Arxentina sobre Regular e implementar a intelixencia artificial no sector público: a experiencia de Galicia.
Tras explicar o papel da Amtega na coordinación e desenvolvemento da transformación dixital na Comunidade Autónoma, Julián Cerviño enmarcou a aprobación da lei de IA na aposta de Galicia pola especialización tecnolóxica na xestión ética e responsable dos datos. Neste sentido, indicou que esta lei establece un marco de goberno para o desenvolvemento e uso da IA na Administración pública rexional e afianza os dereitos de transparencia e supervisión humana, a igualdade, así como os mecanismos de tutela para facer valer os dereitos de protección de datos ou a revisión das decisións tomadas coa axuda desta tecnoloxía.
O director da Amtega destacou a visión comprometida de Galicia con respecto ao uso da intelixencia artificial, ao ter en conta que a ciencia e a tecnoloxía poden alterar valores e principios da sociedade. Así, explicou que dende a Xunta, “con independencia dos casos de uso e aplicacións da tecnoloxía, reafirmamos e protexemos os nosos principios e valores en canto á xestión pública, como a imparcialidade, a transparencia, a seguridade ou a responsabilidade”.
A clase maxistral, aberta a todo o alumnado da Facultade de Dereito, foi organizada pola Diplomatura de Dereito Sanitario. O director da Amtega explicou o papel do Consello Técnico Asesor en Intelixencia Artificial e Espazo de Datos, como órgano colexiado creado para o asesoramento da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde (Sergas) no deseño e na proposta das políticas que impliquen o uso desta tecnoloxía. O seu obxectivo principal é garantir un uso ético e seguro da IA e da xestión dos datos.
Julián Cerviño expuxo algúns exemplos sobre o uso da IA no Sergas, como os algoritmos que axudan a interpretar lesións óseas ou musculares en radiografías; os dispositivos portátiles para facer ecografías que grazas á IA poden usarse na atención primaria; os sistemas para identificar casos de cancro e facer outro tipo de análises en mostras de anatomía patolóxica; o uso da IA nos cribados de cancro de mama; ou a análise das historias clínicas con IA para axudar ao persoal médico a decidir, entre outros.
 
					 
 
 
 
 
 
 
