A universalización da Administración e os servizos dixitais consolidan a Galicia como unha rexión tecnoloxicamente avanzada

Venres 05 de Xuño de 2026

A universalización da Administración e os servizos dixitais consolidan a Galicia como unha rexión tecnoloxicamente avanzada

O Goberno galego celebra hoxe a creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Amtega, hai 16 anos
Todos os procedementos administrativos poden facerse xa por vía dixital e a porcentaxe de persoas que empregan a Administración dixital supera as medias española e europea
A capacitación dixital da cidadanía e a creación, captación e retención de talento especializado fortalecen a competitividade económica e social de Galicia
A Estratexia Galicia Dixital 2030 está a permitir que se siga avanzando coa Economía do Dato, a Intelixencia Artificial e o Internet das Cousas

A aposta da Xunta pola universalización do acceso a recursos tecnolóxicos sitúa Galicia como unha rexión dixitalmente avanzada.
O Goberno galego celebra hoxe a creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, hai 16 anos. Nese tempo a porcentaxe de fogares con conexión de banda larga pasou do 46 % a superar o 90 %.
Lograr a universalización dixital supuxo conectar Galicia tendo o maior índice de dispersión da poboación de España, nun territorio no que a orografía complica a extensión das redes de telecomunicacións terrestres. A dixitalización precisou tamén a adaptación da cidadanía ás novas ferramentas e linguaxes, nunha comunidade autónoma con moitas persoas maiores que viven no rural.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, abriu a xornada Galicia é-tecnolóxica que repasa a evolución, éxitos e retos da Amtega, afirmando que a planificación estratéxica, plasmada nas sucesivas axendas dixitais, foi a ferramenta da
Xunta para facer fronte a todas estas dificultades.
Administración dixital
Dezaseis anos despois da creación da Axencia autonómica, a porcentaxe de persoas que empregan hoxe a Administración dixital en Galicia é de máis do 86 %, superando o uso en España (83 %) e a media europea (75 %). O Goberno galego acadou xa que todos os procedementos administrativos se poidan facer por vía dixital. “Máis do 85 % das entradas de documentación por parte da cidadanía e as empresas prodúcense polo Rexistro Electrónico”, debullou Miguel Corgos.
Galicia tamén foi pioneira en España na Educación dixital, con programas como Abalar ou e-Dixgal. Na actualidade, o 100 % das aulas da educación pública e concertada están dixitalizadas e o Plan de Infraestruturas Dixitais Educativas suma 134,6 M€. “Unha
progresión similar” –engadiu o conselleiro- “deuse na xustiza, onde universalizamos a dotación dixital das salas de vistas, cun orzamento de 43 M€, que se ampliarán ata os 67,4 M€ no ano 2028”.
Miguel Corgos explicou que existen outros moitos servizos á cidadanía nos que tamén se acadou a dixitalización total, como as lonxas, ou a atención social a persoas maiores ou con discapacidade.
Capacitación dixital e talento
A capacitación dixital da cidadanía é outro dos obxectivos da Amtega que puxo en marcha iniciativas como a rede de aulas CeMIT, da que se benefician máis de 130.000 persoas, ou as certificacións en competencia dixitais de acordo co Marco Europeo.
Para avanzar no obxectivo de soberanía dixital e de adaptación ás necesidades específicas de Galicia, Miguel Corgos explicou que se promoveu “a creación, atracción e retención de talento dixital e o desenvolvemento dun sector tecnolóxico forte e competitivo”. O sector TIC supera hoxe as 3.200 empresas e s 23.000 persoas empregadas. O conselleiro de Facenda engadiu ademais que a porcentaxe de persoal dealta cualificación é de máis do 20 %, fronte ao 15,7 % da media española.
Estratexia Galicia Dixital 2030
Galicia é na actualidade unha rexión “dixitalmente madura e comparable ás rexións máis avanzadas de Europa”, afirmou Miguel Corgos. Da man da Estratexia Galicia Dixital 2030 “estamos en disposición de avanzar na transformación dixital”, así como en tecnoloxías como a Economía do Dato, a Intelixencia Artificial ou o Internet das Cousas.
Para o conselleiro, esta transformación dixital “caracterízase pola importancia dos datos, o seu uso e a súa seguridade”. Miguel Corgos puxo en valor “a visión transversal da Amtega e os recursos e coñecementos adquiridos en todos estes anos para a ciberseguridade e protección deses datos”, que permiten que a Xunta, neste momento, “dispoña de plataformas eficaces e adaptadas, que estean ao servizo de toda a Administración”.
Os retos da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia pasan agora, afirmou Miguel Corgos, polo desenvolvemento e consolidación desas plataformas “que converten os datos en recursos útiles, ao servizo das políticas públicas, dos servizos, do benestar das persoas e da creación de riqueza”.