Un total de 3.000 empregados da Xunta e da Administración de Xustiza terán tarxeta con sinatura dixital a principios de 2012
Trátase da primeira fase de implantación do Proxecto Kronos que acredita dixitalmente aos profesionais da Administración e permite a marcaxe de entradas e saídas desde o ordenador
Con esta medida dótase aos traballadores públicos dunha das ferramentas necesarias para acadar unha verdadeira administración electrónica e garantir o dereito dos cidadáns de relacionarse de xeito electrónico coa Administración
Kronos permitirá tamén homoxeneizar o sistema de control horario en todos os departamentos autonómicos aproveitando a implantación dunha tecnoloxía necesaria para avanzar cara á eAdministración
Un total de 3.000 empregados públicos da Administración autonómica e da Xustiza en Galicia disporán nos primeiros meses de 2012 da tarxeta intelixente que os acredita dixitalmente, regula o control horario e abre a porta a futura regulación da flexibilidade horaria e o teletraballo.
Trátase da primeira fase do proxecto Kronos que permite aos traballadores públicos asinar dixitalmente os documentos dos procedementos telemáticos. Con esta medida, a Xunta proporciona aos profesionais da Administración unha das ferramentas necesarias para avanzar cara a verdadeira administración electrónica e garantir aos cidadáns o seu dereito a relacionarse de xeito electrónico coas institucións públicas.
Esta iniciativa enmárcase no Plan de Modernización da Administración e vai parella a outras accións como a recente posta en marcha da sede electrónica ou a entrada en vigor do DOG dixital. Todas estas actuacións están encamiñadas á acadar unha Administración aberta as 24 horas os 365 días do ano e a cumprir coa política cero papel.
Así o explicou esta mañá a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira durante unha visita ao Punto de Acreditación Dixital de San Caetano na que estivo acompañada do director xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Jaime Bouzada e do director xeral da Función Pública, José María Barreiro.
Primeira fase de implantación
Kronos xa se comezou a implantar entre o persoal da Consellería de Presidencia e da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica. A distribución da tarxeta continuará nos vindeiros meses completándose nestes departamentos e estendéndose ao persoal da Consellería de Facenda, da Dirección Xeral de Asesoría Xurídica, do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e da Inspección de Consumo.
Das 3.000 tarxetas que se distribuirán nesta fase de implantación, 1.500 corresponden aos citados departamentos da Administración Autonómica e outras 1.500 se destinarán a persoal da Administración de Xustiza.
O proceso comezou, segundo o previsto, coa instalación dun Punto de Acreditación Dixital (PAD) en San Caetano desde onde xa se emitiron 291 tarxetas para os empregados da Administración Xeral. Ademais, os ordenadores dos profesionais acreditados dixitalmente están xa equipados con teclados adaptados para a fichaxe a través do PC.
Control horario
Ademais da acreditación dixital a tarxeta do Proxecto Kronos leva asociada a funcionalidade de control horario asociado que está dispoñible desde os ordenadores da rede corporativa a través da Intranet da Xunta naqueles departamentos nos que se vai implantando. Para o acceso ao sistema o usuario introduce a tarxeta no lector de dispositivos criptográficos do seu PC e, unha vez identificado a través dun código pin, poderá realizar a marcaxe de entrada e saída dende o seu posto de traballo.
A implantación do sistema de control horario de proxecto Kronos permitirá superar a falta de homoxeneidade que existe actualmente na Administración autonómica neste área. A día de hoxe non todos os organismos teñen un sistema de control horario mecanizado, algúns empregan aínda a sinatura manuscrita do persoal en papel e noutras entidades contan con sistemas propios.
Kronos posibilitará dun control horario común cun custe reducido e uns requisitos mínimos de infraestrutura aproveitando a implantación dunha tecnoloxía que é necesaria para avanzar cara Administración electrónica. Así aproveitando sinerxias, intégrase esta funcionalidade nun novo sistema que se tiña que implantar para poder acreditar dixitalmente aos funcionarios, permitir o acceso seguro a determinadas aplicacións informáticas e proporcionar o acceso seguro a lugares de acceso restrinxido.
Flexibilidade horaria e Teletraballo
O proxecto Kronos facilitará nun futuro tamén a xestión da flexibilidade horaria dos empregados públicos. Unha iniciativa que será regulada por un decreto no que están a traballar as Direccións Xerais de Avaliación e Reforma Administrativa e Función Pública.
Ademais, está previsto habilitar os mecanismos para os empregados públicos poidan acceder ao teletraballo, a prestación dun servizo público non presencial baseado no uso das novas tecnoloxías. Esta opción, que xa está a desenvolver un bo número de estados membros da Unión Europea, contribúe a unha mellor organización do traballo, mellorando a calidade do servizo e facilitando a conciliación da vida persoal, familiar e laboral do persoal.
Características da tarxeta
A tarxeta intelixente dispón de tres dispositivos distintos: un chip criptográfico que alberga varios certificados dixitais, entre eles o de persoal ao servizo das Administracións públicas; unha banda magnética cos datos do profesional para o seu emprego en sistemas de información que así o requiran; e a identificación por radiofrecuencia para o control de acceso a lugares de paso restrinxido.