Sete de cada dez galegos benefícianse xa das vantaxes da receita electrónica

Venres 30 de Xullo de 2010

Sete de cada dez galegos benefícianse xa das vantaxes da receita electrónica

Actualmente 286 centros de saúde emiten e-receitas na Comunidade Autónoma e hai 1.233 farmacias conectadas que as utilizan

Así o avanzou hoxe a conselleira de Sanidade nunha mesa redonda celebrada en Madrid sobre as TICs ao servizo do enfermo crónico

Actualmente 286 centros de saúde emiten receitas electrónicas en Galicia e hai 1.233 farmacias conectadas que as utilizan. Isto supón que o 71% dos cidadáns estanse a beneficiar xa das vantaxes da e-receita, segundo explicou hoxe a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, quen participou nunha mesa redonda sobre as novas tecnoloxías da comunicación (TIC) ao servizo do enfermo crónico no marco dunha xornada sobre a implicación do facultativo e as TIC como claves para o desenvolvemento dun novo modelo sanitario orientado a crónicos.

Así, fixo referencia ás características da sociedade galega, da que sinalou que a quinta parte ten máis de 65 anos –porcentaxe que tende a aumentar- e na que se está incrementando a proporción de pacientes pluripatolóxicos e con enfermidades crónicas, polo que se prevé un aumento da frecuentación.

Polo tanto, dixo, para adaptarse e dar resposta ás novas necesidades dos seus cidadáns, Galicia require a modernización do seu sistema sanitario, debido á permanente innovación tecnolóxica e de medicamentos, á crecente frecuentación e demanda de servizos sanitarios, ao aumento de procedementos e á complexidade das patoloxías que se abordan.

“No último ano, case a metade da poboación foi a máis dun centro de saúde beneficiándose, deste xeito, dunha historia clínica electrónica única”, destacou Pilar Farjas, afirmando tamén que a dixitalización supón unha maior eficiencia nos recursos e na atención, como amosa o feito de que o número de visitas administrativas que realizan os pacientes aos centros de saúde unha vez que as farmacias están dixitalizadas pasou dun 25% a valores por debaixo do 13%.

Así mesmo, engadiu que grazas á dixitalización do diagnóstico por imaxe tense reducido un 60% o custe respecto ao modelo tradicional de impresión de placas, e que os sistemas electrónicos de prescrición axudan a promover a utilización de medicamentos xenéricos ou de marca de menor prezo, algo que ten especial importancia nun contexto en que o crecemento do custe da asistencia sanitaria é superior ao crecemento dos recursos dispoñibles “varios puntos por encima do PIB”.

Utilización das TICs no Sergas

Na súa intervención, a responsable de Sanidade da Xunta de Galicia fixo un recorrido pola utilización das novas tecnoloxías da comunicación no Sergas. Neste sentido, citou a historia clínica electrónica, indicando que a IANUS é a plataforma de integración de sistemas e rexistro de información clínica desenvolvida polo Sergas.

A conselleira sinalou que, o pasado ano, realizáronse máis de 14 millóns de accesos de profesionais sanitarios a IANUS, e explicou que están integrados nela todos os hospitais da rede do Sergas -aos que hai que sumar dous hospitais concertados- e 420 centros de saúde (o 90% da poboación). A finais do pasado ano 2009, estaban formados e acreditados para utilizar a IANUS o 90% dos facultativos de Atención Especializada e o 96% dos de Atención Primaria; así como o 60% dos sanitarios non facultativos dos dous niveis.

Tamén fixo referencia á implantación a Plataforma Diagnóstica Integral en Radiodiagnóstico, da que destacou que serve para ofrecer un enfoque en rede e unha organización adaptada ás necesidades asistenciais, o que permite organizar as gardas en remoto –dende outros centros e desde o propio domicilio do profesional- e un mellor aproveitamento de recursos.

Farjas Abadía avogou tamén polo desenvolvemento da Administración electrónica como elemento fundamental para a modernización do funcionamento do sistema sanitario. Recordou que en Galicia están dispoñibles para a súa realización a través de Internet diversos trámites, relacionados coa tarxeta sanitaria, a solicitude de cita previa, o acceso á historia clínica, a subscrición a noticias e recordatorios de citas, o servizo de suxerencias, queixas e reclamacións, e foros de participación cidadá, entre outros.

Central de chamadas e formación a distancia

Ademais, a titular da carteira sanitaria da Xunta puxo en valor outras iniciativas como a central de chamadas, cuxa posta en marcha permitiu estender o servizo de cita previa a toda a poboación de Galicia, ofrecendo un servizo de calidade; unificar o acceso telefónico –incluída a consulta- a través dun só número de teléfono para toda a Comunidade; acadar unha maior eficiencia no servizo sen prexuízo da súa calidade; e deixar aberta a posibilidade de que, no futuro, se poidan xestionar novos servizos a través do teléfono.

Tamén fixo referencia á plataforma de formación a distancia, á Escola Galega de Saúde para Cidadáns e á plataforma Bibliosaúde, dispoñible tanto en Internet como na Intranet e que o pasado ano recibiu máis de 54.000 visitas.

“No contexto actual é necesario mellorar a eficiencia do sistema, e as tecnoloxías deben ofrecer unha maior rapidez no diagnóstico e na capacidade de resolución; unha diminución dos actos médicos, exploracións e desprazamentos; o aumento do coñecemento dos profesionais; a diminución da posibilidade de erro na prescrición médica; e unha mellora no uso dos medicamentos e nas relacións entre todos os axentes que interveñen no sistema”, afirmou a conselleira.

Así, con estes obxectivos, sinalou que as TICs son instrumentos que facilitan a equidade e universalidade do servizo, melloran a produtividade, contribúen a implantar cambios organizativos que melloran a eficiencia, optimizan o uso dos recursos, favorecen a sostenibilidade do sistema e impulsan o crecemento económico.