Sanidade mellora a atención sanitaria pública coa implantación das novas tecnoloxías da información

Martes 01 de Febreiro de 2011

Sanidade mellora a atención sanitaria pública coa implantación das novas tecnoloxías da información

A páxina web do Servizo Galego de Saúde rexistrou máis de 6 millóns de accesos durante 2010

Actualmente, o 100% dos profesionais facultativos teñen acceso á historia clínica electrónica

O IANUS está implantado en todos os hospitais da rede do Sergas e no 92% dos centros de saúde

A cidadanía galega ten dispoñibles para a súa realización a través da internet un total de 15 servizos públicos sanitarios en liña, fronte aos 3 que había en 2006

A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, informou o pasado venres ao Consello da Xunta da execución dos proxectos de tecnoloxías da información durante 2010 na sanidade pública galega. No informe destácase que a páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) contou durante o 2010 cun total de 6.205.482 accesos, e outros 3.087.140 á intranet.

Con respecto do desenvolvemento do IANUS, a plataforma de integración de sistemas e rexistro de información clínica desenvolvida polo Sergas, destaca que durante 2010 se realizaron máis de 1,2 millóns de accesos de profesionais sanitarios dende Atención Primaria e preto de 940.000 accesos dende Atención Especializada.

Actualmente, o 100% dos profesionais facultativos teñen acceso á historia clínica electrónica. Tamén acceden todos os hospitais da rede do Sergas -aos cales hai que sumar dous hospitais concertados- e tamén 443 centros de saúde (o 92% dos centros).

O 2010 rematou con 443 centros de AP con receita electrónica, o 92% do total, que teñen adscritos ao 98% da poboación. A porcentaxe de receitas dispensadas electronicamente no último mes (decembro de 2010) foi de arredor do 70%, unha cifra que destaca especialmente se a comparamos con finais do 2009 cando era do 15%.

Máis de 15 servizos a través da páxina web para a cidadanía

Actualmente, en Galicia están dispoñibles para a súa realización a través da internet un total de 15 servizos públicos sanitarios en liña para o cidadán (en 2006 só había 3) sobre diversos trámites, relacionados coa tarxeta sanitaria, a solicitude de cita previa, o acceso á historia clínica, a subscrición a noticias e recordatorios de citas, o servizo de suxestións, queixas e reclamacións, e foros de participación cidadá, entre outros.
O 7,4% das citas previas para os centros de saúde son tramitadas a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde. Unha cifra que aumenta cada ano e que destaca con respecto a finais de 2006, cando era do 2,4%.

Cada día son máis os cidadáns galegos que empregan estes servizos, así, entre outros aspectos destaca que o 96,9% dos centros de Atención Primaria (aos cales están adscritos o 99,9% do total de cidadáns) dispoñen do servizo de citación pola internet. Ademais, o 76% dos centros de Primaria poden citar telematicamente para Atención Especializada.

Do informe, despréndese que ata 2010 se solicitaron unhas 5.925 tarxetas sanitarias pola internet e se tramitaron uns 2.866 cambios de médico,  do Servizo Galego de Saúde, así como outras 587 tarxetas de doadores.

Tamén destacan os 13.904 accesos a través da páxina web e recibíronse 1.376 peticións de subscrición no servizo de alertas SMS como recordatorio de citas médicas.

Así mesmo, tramitáronse electronicamente un total de 6.945 reclamacións e suxestións dos/as usuarios/as do Sistema Sanitario Galego, e recibíronse 862 documentos de instrucións previas inscritos  no Rexistro Galego de Instrucións Previas. 

Melloras para profesionais e provedores

A conselleira observou que a evolución tecnolóxica supón tamén un aumento da eficiencia nas áreas de recursos humanos e de recursos económicos, ao permitir unha solución centralizada e unha mellora funcional coa posta en marcha dun sistema para a xestión do modelo de compras, o loxístico e o de control do gasto nos centros de xestión do sistema sanitario público de Galicia.

As tecnoloxías están a favorecer maior rapidez e maior capacidade de resolución no diagnóstico do paciente e a diminución de actos médicos e desprazamentos. Tamén axudan na consecución dun incremento do coñecemento dos profesionais, dunha redución da probabilidade de erro en actividades como a prescrición médica, dunha mellora das relacións entre os axentes que interveñen no sistema e dunha mellora da utilización dos medicamentos.

Entre outros datos, o balance do pasado ano 2010 destaca que o número de solicitudes que se tramitaron a través da Oficina Virtual do Profesional (FIDES) foi de 71.632; e realizáronse 1.366.000 accesos ao sistema;  enviáronse 3.597 SMS sobre a xestión de listas temporais de contratación; impartíronse 142 cursos e inscribíronse 40.343 profesionais na formación e-learning; o portal Bibliosaúde (bliblioteca virtual para os profesionais) rexistrou 261.256 accesos; e publicáronse un total de 77 alertas farmacéuticas.

Ademais, hai aplicacións específicas para os rexistros de centros e establecementos sanitarios, de enfermos renais, de tumores; un Sistema de Información de Tuberculose; xestión da actividade inspectora de saúde pública; xestión de rastrexabilidade de matadoiros; e un servizo de alarmas nos ordenadores dos centros de saúde e nos PAC.

Os provedores tamén poden realizar diferentes tramitacións a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es). Así, o 31 de decembro de 2010 había un total de 467 provedores rexistrados na Oficina Virtual do Provedor; a porcentaxe de pedidos de subministracións enviados  a provedor por medios electrónicos foi dun 20,7%; enviáronse 352.736 alertas sobre expedientes de contratación; e o 51% das empresas teñen acceso á xestión integral da información do Sistema Acreditador da Formación Continuada das profesións sanitarias de Galicia (SAG).