Sanidade aposta por mellorar a eficacia da asistencia sanitaria coa implantación da receita electrónica, da telemediciña, e das vías rápidas
A implantación da receita electrónica reduciu de maneira importante a carga administrativa dos nosos profesionais, cun descenso do 23% no número de consultas administrativas en Galicia entre xaneiro de 2009 e marzo de 2010
A extensión da historia clínica informatizada permite o acceso aos informes e resultados das probas diagnósticas dende a consulta do médico e evita viaxes e desprazamentos aos hospitais
A Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde fan unha aposta clara pola telemedicina pois supón unha maior rapidez no diagnóstico, maior calidade de atención para o paciente e maior eficacia no aproveitamento dos recursos do sistema sanitario
Durante o 2010 implantaranse as vías rápidas de cancro de próstata, pulmón, colorrectal e de mama enmarcadas na Estratexia Galega contra o Cancro para axilizar as consultas dos pacientes con sospeitas destas patoloxías
A Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde teñen feita unha aposta decidida por situar ao paciente como eixe do sistema, ofrecéndolle unha resposta asistencial axeitada en tempo e forma, e diminuíndo os trámites e a burocracia. As actuacións da administración sanitaria galega céntranse no obxectivo fundamental de mellorar a capacidade resolutiva, en especial no primeiro nivel asistencial que é a porta de entrada dos pacientes. O obxectivo é centrar toda a organización no paciente e na integración e continuidade de coidados; na mellora da capacidade resolutiva, de acceso a probas diagnósticas e na implantación e extensión de novas ferramentas e tecnoloxías que permitan a innovación e mellora da calidade.
A implantación da receita electrónica implica melloras na calidade asistencial ao diminuír o número de consultas para renovación de receitas nos centros de saúde. Isto permite aos profesionais sanitarios dispoñer de máis tempo para o diagnóstico e tratamento dos pacientes, desconxestionando as consultas de Atención Primaria.
Esta importante redución da carga administrativa dos profesionais médicos coa implantación da receita electrónica reflíctese claramente nos datos cun descenso do 23% no número de consultas administrativas entre xaneiro de 2009 e marzo de 2010. Estes datos son especialmente significativos na área sanitaria de Ferrol, onde a implantación da e-receita é do 100%, cun descenso no número de consultas administrativas do 62% no mesmo período.
Actualmente máis de 1,8 millóns de galegos e galegas, que representan o 66,3% da poboación total de Galicia, benefícianse xa da e-receita e hai máis de 259 centros de saúde en Galicia con conexión á receita electrónica. Dende marzo de 2009, a poboación beneficiaria multiplicouse por 11 e o número de centros de saúde traballando co sistema multiplicouse por 14.
Tamén a implantación cada vez maior da historia clínica informatizada, que permite compartir a información clínica do paciente entre profesionais e niveis asistenciais, así como o acceso aos informes e resultados de probas diagnósticas dende a consulta do médico, axiliza o proceso asistencial e evita viaxes e desprazamentos aos hospitais.
Nesta liña, a Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde a través do emprego das novas tecnoloxías están a desenvolver en todas as xerencias galegas a telemedicina, que permite mellorar os tempos de espera e axilizar as consultas aos especialistas. Así, a Sanidade pública está a traballar na implantación de programas como a teledermatoloxía, e a teleoftalmoloxía, entre outros.
Tamén se está a dixitalizar a imaxe de radiodiagnóstico, o que permite compartir imaxes e informes entre todos os centros sanitario galegos. Isto supón unha maior rapidez no diagnóstico, unha maior calidade de atención para o paciente e unha maior eficiencia no aproveitamento dos recursos do sistema sanitario.
A xestión integrada, a xestión clínica e a xestión por procesos que permiten optimizar os recursos sanitarios están a poñerse en marcha neste mesmo ano 2010 a través da implantación dalgúns destes procesos como son insuficiencia cardíaca; ansiedade, somatización e depresión; embarazo de baixo risco; ou diabetes tipo II.
Precisamente, ven de presentarse a Estratexia Galega contra o Cancro na que se inclúe a creación de guías clínicas dos cancros de próstata, pulmón, colorrectal e de mama. O seu obxectivo é garantir aos pacientes con sospeita de padecer algún destes cancros que o tempo que transcorra dende o diagnóstico de sospeita ata a primeira actividade terapéutica non sexa superior a 30 días, en toda a Comunidade Autónoma Galega. Cada unha das xerencias porá en marcha alomenos unha destas vías, garantindo a súa implantación inmediata nos centros do Sergas.
Ademais das melloras do proceso asistencial, cómpre lembrar o impulso do Plan de Modernización de Infraestruturas que reflicte a nosa aposta pola atención primaria coa construción de 63 novos centros, dos que 13 están xa en construción, e de tres centros de alta resolución, o que suporá un investimento de máis de cen millóns de euros. Sanidade xa destinou no 2009 preto de 6 millóns á construción de novos centros, e 1,7 a reformas e melloras dos centros existentes.