Rueda reafirma a Galicia como aliada das grandes tecnolóxicas para crear emprego cualificado e liderar a transformación dixital
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, destacou hoxe o papel de Galicia como un nodo tecnolóxico de referencia en Europa e aliada das grandes tecnolóxicas para crear emprego cualificado e de calidade, así como liderar a transformación dixital.
Así o sinalou durante a clausura do acto polo centenario de IBM en España, a quen agradeceu a súa confianza histórica e a súa aposta polo talento local a través do seu centro de innovación en Ourense -onde actualmente traballan 300 persoas-, “que supón reter talento galego e tamén atraelo de fóra para que veña a Galicia”, polo que instou á compañía a seguir contribuíndo ao desenvolvemento dunha Galicia máis innovadora que poña sempre a tecnoloxía “ao servizo do benestar social e o crecemento económico”.
O titular do Goberno galego sinalou que a modernización e a dixitalización representan unha “oportunidade” para a rexión, actuando como ferramentas esenciais para garantir a cohesión territorial e a igualdade de oportunidades entre o medio rural e o urbano. De feito, apuntou que tecnoloxías de alto impacto como a Intelixencia Artificial xa están a transformar o día a día dos galegos e galegas.
Así, puxo algúns exemplos do impacto que ten en eidos como a sanidade, sendo “pioneiros con todo o que ten que ver coa historia clínica electrónica, en universalizar as receitas farmacéuticas ou os novos sistemas de diagnóstico”. Así mesmo, destacou que estas tecnoloxías tamén resultan fundamentais na “predición de incendios e inundacións e na meteoroloxía”, ao mesmo tempo que destacou que, na Administración autonómica, facilita a automatización de trámites e a simplificación burocrática, sendo case o 90% dos galegos os que realizan os seus trámites coa Xunta de forma telemática.
“Mentres non esquezamos que o centro son as persoas, por aí poderemos seguir avanzando”, indicou, ao tempo que subliñou que a tecnoloxía debe ser entendida como un motor de progreso social e benestar, poñendo como exemplo a consolidación dun sector TIC forte que xa conta con máis de 3.100 empresas en Galicia e o maior número de profesionais da súa historia, con preto de 23.500 traballadores e traballadoras.
Durante a súa intervención, Alfonso Rueda reafirmou o compromiso da Xunta cunha estratexia dixital que busca non só a adopción de novas ferramentas, senón o liderado activo en áreas de vangarda. Para acadalo, Galicia mobilizará 4.000 millóns de euros ata 2027 a través da Estratexia Dixital 2030, dos cales 2.450 millóns corresponden a investimento directo do Goberno autonómico para estender o uso de tecnoloxías como a IA.
Galicia como nodo tecnolóxico
O mandatario galego tamén puxo en valor os fitos que consolidan a Galicia á vangarda da IA en España, destacando a sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial - AESIA na Coruña e o feito de ser a primeira rexión europea en aprobar unha lei para regular o uso desta tecnoloxía no sector público.
Así mesmo, referiuse á “aposta decidida” da comunidade pola tecnoloxía cuántica, con proxectos como o Datacenter do CESGA -que consolidará a Galicia na supercomputación ou o val especializado en tecnoloxía cuántica no que participarán nove países europeos e que estará liderado por Galicia. “Cando falamos de Galicia Calidade nos referimos desde o máis tradicional ao máis vangardista que antes tiñan noutros sitios e agora é posible que estea aquí, polo que o que hai que facer é procurar que creza ordenadamente e con sentidiño”, apuntou Rueda.