Roberto Varela asegura que a Biblioteca Dixital Galega ‘Galiciana’ situará “o noso patrimonio bibliográfico ao alcance de calquera persoa cunha conexión a internet”

Xoves 07 de Abril de 2011

Roberto Varela asegura que a Biblioteca Dixital Galega ‘Galiciana’ situará “o noso patrimonio bibliográfico ao alcance de calquera persoa cunha conexión a internet”

No acto de apertura do I Seminario Internacional da Biblioteca de Galicia “As Bibliotecas Dixitais”, o conselleiro de Cultura e Turismo avanzou que a biblioteca dixital galega ‘Galiciana’, que será presentada proximamente, contribuirá “a difundir e preservar dixitalmente o riquísimo acervo bibliográfico galego”

O seminario “As Bibliotecas Dixitais” reúne na Cidade da Cultura de Galicia, dende hoxe e ata o sábado día 9, ás bibliotecas mais prestixiosas do mundo, como a do Congreso dos Estados Unidos, a Bristish Library, a World Digital Library da UNESCO ou Europeana, a rede de bibliotecas que impulsa a UE

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, asegurou esta mañá na apertura da primeira edición do Seminario Internacional da Biblioteca de Galicia “As Bibliotecas Dixitais”, que Galiciana -a biblioteca dixital galega- situará o “riquísimo acervo bibliográfico galego ao alcance de calquera, ao facer posible que se poida acceder a estes fondos simplemente cunha conexión a internet”. A biblioteca dixital Galiciana supón, segundo o conselleiro Roberto Varela, a culminación “dun longo, laborioso e ilusionante proceso da Xunta de Galicia na procura da difusión e a preservación dixital do riquísimo acervo bibliográfico galego”.

Para o titular de Cultura e Turismo, Galiciana “é só o inicio dun amplo proxecto de accesibilidade dixital ás coleccións existentes nas institucións de memoria galegas”. “Este novo servizo atópase na liña de actuación xenérica da Unión Europea para promover a creación de repositorios de recursos dixitais de forma normalizada, ao obxecto de facilitar o acceso común a amplas coleccións que conforman o patrimonio cultural do continente”, apuntou o conselleiro.

Deste xeito, “por medio da dixitalización e a asignación de metadatos, e grazas á adopción de estándares e normativas comúns nos espazos europeos e internacionais, proporciónase a máxima visibilidade a cada unha das obras obras dixitalizadas”. Segundo o conselleiro Roberto Varela, “os investigadores e interesados poderán acceder aos fondos a través da rede dende o seu propio domicilio, a calquera hora do día e cos máis actualizados sistemas de localización, utilizando os buscadores e navegadores máis coñecidos”.”Dende a Consellería de Cultura e Turismo confiamos en que os investigadores e usuarios se beneficien deste novo servizo que se porá ao seu alcance”, engadiu.

Ao longo deste seminario, técnicos da Biblioteca de Galicia farán unha presentación detallada do proxecto Galiciana ante os representantes das outras bibliotecas. A Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura, que por volume de fondos dixitalizados será unha das mais potentes de España, atópase xa en fase de probas e será obxecto dunha ‘presentación en sociedade’, nun acto no que estará ‘apadriñada’ por representantes doutras bibliotecas dixitais europeas.

Bibliotecas de referencia internacional

A primeira edición do Seminario Internacional “As Bibliotecas Dixitais”, organizado pola Biblioteca de Galicia, conta coa presenza na Cidade da Cultura dos centros de maior prestixio de todo o mundo, como a biblioteca do Congreso dos Estados Unidos, a British Library do Reino Unido, a World Digital Library da Unesco, Europeana e tamén representantes de bibliotecas nacionais de países que están na vangarda da dixitalización de fondos, como Australia e tamén España. O encontro reunirá tamén a representantes de empresas que veñen desenrolando unha tecnoloxía punteira neste campo, como Google Books España.

O seminario está dirixido a profesionais do ambito das bibliotecas dixitais e conta cunha representación de todas as bibliotecas e institucións culturais galegas con programas de dixitalización en marcha. O programa completo e o currículo dos ponentes está a disposición dos interesados na microsite www.bibliotecasdixitais.com e das páxinas webs da Consellería de Cultura e Turismo (http://culturaeturismo.xunta.es/) e da Fundación Cidade da Cultura ( www.cidadedacultura.es).

A conferencia inaugural correu a cargo de Sally McCallum, responsable de proxectos dixitais na biblioteca do Congreso dos Estados Unidos, e unhas das persoas mais influentes dos últimos trinta anos na Biblioteconomía Moderna, con destacadas aportacións na tecnoloxía para facilitar o acceso a información e no control bibliográfico. Na súa intervención analizou as últimas técnicas para aumentar a accesibilidade ás coleccións dixitais. No seminario participan tamén John Van Oudenaren, director da World Digital Library da Unesco, actualmente inmerso no proxecto de biblioteca dixital mundial e o alemán Stefan Gradmann, responsable do ‘libro blanco’ de Europeana.

Na primeira das tres xornadas deste seminario, o tema central foi a formación das coleccións dixitais e as estratexias de futuro precisas para evitar a perda da información contida nelas. Mañá abordaranse aspectos como os dereitos de autor, ou as novas técnicas de búsqueda e de recuperación de información. Este encontro rematará o sábado cunha xornada de mesas de traballo para intercambiar experiencias entre os responsables dos diferentes centros.