A Rede Galega de Internet das Cousas permite xa a posta en marcha de utilidades para a seguridade, o ambiente ou a prevención de catástrofes naturais
Retegal e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia puxeron en marcha a segunda fase do proxecto de implantación da Rede galega de internet das cousas (iCousas), que ten como obxectivo a adopción de solucións concretas baseadas nesta tecnoloxía, de acordo coas necesidades das diferentes consellerías da Xunta de Galicia.
Entre outros aspectos, a rede, que xa está operativa, permite aplicar técnicas de prevención baseadas na xestión intelixente dos datos para protexer o territorio e asegurar o benestar da cidadanía fronte a riscos físicos, químicos ou danos en situacións de ameaza.
O Consello da Xunta recibiu hoxe un informe sobre a situación desta iniciativa, que se enmarca no proceso de información e promoción das utilidades concretas da sensorización do territorio e a integración dos datos obtidos nunha única plataforma para o seu procesamento con tecnoloxías intelixentes. Esta plataforma evita a dispersión de información de sensorización en bases de datos diferentes e non accesibles polo resto de organismos públicos autonómicos.
As consellerías dispoñen xa dun catálogo de usos que están dispoñibles, con estimacións de necesidades e custos. Entre estes usos atópanse os relacionados coa prevención de catástrofes naturais, como as medicións dos niveis de auga ou as mareas, ou a loita contra os incendios.
Tamén recolle usos relacionados coa planificación e xestión de recursos turísticos, como o Camiño de Santiago ou os espazos naturais. O control de mobilidade combina capturas de imaxes en tempo real con análise de datos avanzados, que permite contar as persoas que se atopan ou transitan por algún lugar. A recompilación e análise destes datos proporcionan información valiosa para a planificación e xestión de recursos turísticos. Ademais, a rede, mediante o uso combinado coa intelixencia artificial, permite a xestión de multitudes mediante cámaras, con utilidades relacionadas coa planificación de eventos.
A rede ten tamén utilidades relacionados co benestar e seguridade das persoas maiores ou que requiran dunha atención especial, como a monitorización de hábitos de saúde, a teleasistencia ou a xeolocalización.
Ademais de sistemas para monitorizar o ambiente, as explotacións agrarias e gandeiras ou xestionar concentracións de persoas, a rede iCousas permite controlar edificios e infraestruturas públicas no que se refire a condicións de confort, eficiencia enerxética, iluminación, consumo de auga, vixilancia de niveis de radon, seguridade, control de acceso, etc.
A rede iCousas creouse para ser usada pola Xunta, coa posibilidade de adherir a outras entidades territoriais. Trátase dunha rede de acceso IoT (internet das cousas) despregada nos máis de 300 centros de telecomunicacións da Xunta de Galicia xestionados por Retegal e outras infraestruturas públicas. O modelo complétase co desenvolvemento e implantación dunha plataforma que xestiona os dispositivos IoT e os elementos que integran a rede de acceso. O obxectivo é ofrecer servizos públicos de sensorización para o desenvolvemento do territorio e a preservación dos recursos.
O despregamento actual ten capacidade para integrar 42.000 sensores na maior parte do territorio, pero a rede está preparada para acoller hasta 300.000 dispositivos. Os datos proporcionados polos sensores intégranse nunha plataforma con capacidades de procesamento e están dispoñibles para a súa integración noutros sistemas ou para a súa visualización web de software libre.
As capacidade da rede xa foron probadas en proxectos piloto sobre sensorización de gando, detección de situacións anómalas en ríos, estacións meteorolóxicas ou monitorización de inmobles deshabitados.
Na actualidade, soamente Baleares conta cunha rede similar á galega de titularidade pública cunha plataforma para xestionar os datos, aínda que hai proxectos relacionados coa sensorización do territorio no País Vasco, Castela e León, Canarias ou Estremadura. Outras comunidades, como Asturias, puxéronse en contacto coa Xunta porque queren lanzar un proxecto similar.