Preto de 4000 analíticas previas avalan o Intecmar como centro de referencia para a aplicación do método químico no control de toxinas lipofílicas en moluscos
Para a realización das analíticas con este método, o Intecmar conta con tres equipos e dende que está acreditado para o seu uso (febreiro de 2013) e ata finais de 2014 realizou un total de 3.886 analíticas.
Ata a acreditación do método químico dende o 2009, a Xunta realizou diferentes actuacións de posta a punto, validación e acreditación para acatar a normativa europea e adoptar esta técnica a pesar da súa pública e reiterada oposición á súa implantación.
Paralelamente, a Xunta realizou varias xestións para defender e poñer en valor o método de bioensaio, xa que dende o 2009 a Xunta manifestou a súa oposición ao cambio do método de detección de biotoxinas de bioensaio polo químico.
Covadonga Salgado sinalou que Galicia acatou a normativa europea e a través do Intecmar traballou intensamente, equipouse axeitadamente e preparouse a fondo no desenvolvemento, na implantación e posta a punto deste novo método. Fíxoo, advertiu, a pesar de non estar de acordo coa adopción deste método como o de referencia na UE, por considerar que é máis lento, que non aporta maior seguridade para os consumidores que o do bioensaio, que ten maior nivel de incertidume e ademais é máis caro.
A directora do Intecmar informou de que para a realización das analíticas con este método o centro conta con tres equipos e que dende que está acreditado para o seu uso (febreiro de 2013) e ata finais de 2014, o Intecmar realizou 3.886 analíticas. Isto reflicte, indicou, que está en condicións de asumir o control das toxinas lipofílicas con este sistema “co maior rigor”.
Acreditación do novo método
Ademais Covadonga Salgado explicou que dende o 2009 a Xunta realizou diferentes actuacións de posta a punto, validación e acreditación para adoptar esta técnica. Entre outubro de 2009 e decembro de 2010, o INTECMAR, en colaboración co Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) puxo en marcha un programa de control deste método para toxinas lipofílicas, no que o Instituto asumía a selección e o procesado das mostras, e o CIMA o seu análise.
A finais de 2010 o Intecmar instalou un equipo instrumental de LC-MS/MS e iniciou a posta a punto da técnica para análise de toxinas lipofílicas mediante este método. Nesta fase contouse coa colaboración do servizo técnico da casa comercial. A partir do mes de xuño de 2011 iníciase o proceso de validación da técnica e as análises de mostras do programa de control rutineiro, en paralelo co método de bioensaio.
En febreiro de 2013 a Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) acredita ao Intecmar para o uso do método químico. Deste xeito, o centro dependente da Consellería do Medio Rural e do Mar converteuse no primeiro centro de control oficial de España en ter acreditado o método químico de análise de biotoxinas mariñas.
Posta en valor do bioensaio
A directora do Intecmar lembrou que mentres a Xunta traballaba para aplicar o novo método de referencia, de xeito paralelo realizou varias xestións para defender e poñer en valor o método de bioensaio, xa que lembrou, dende o 2009 a Xunta manifestou a súa oposición ao cambio do método de detección de biotoxinas de bioensaio polo químico porque é máis caro, máis lento, non aporta maior seguridade e prexudica seriamente o sector produtor e comercializador de moluscos bivalvos.
Covadonga Salgado lembrou que se celebraron entrevistas cos sucesivos comisarios de Pesca e que se mantiveron varias reunións co sector, coa Axencia Española de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición (AECOSAN) e co Comité Permanente da Cadea Alimentaria e da Sanidade Animal (CPCASA). Ademais o Goberno autonómico expuxo a súa visión deste tema en diferentes certames relacionados coas biotoxinas mariñas e o Presidente dirixiu cartas ás Comisarias europeas de Consumo e de Saúde e dos Consumidores, así como á Ministra de Sanidade. Ademais, engadiu, a conselleira do Medio Rural e do Mar enviou cartas ao Director Xeral da Dirección Xeral de Sanidade e Protección dos Consumidores (DG SANCO).
Posteriormente e ante a publicación por parte da UE do regulamento que establece como método de referencia o químico, a Xunta de Galicia, baseándose nos coñecementos e experiencia do Intecmar, solicitou que España interpuxera unha Demanda de anulación deste Regulamento ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea. Esta petición foi atendida pola Comisión de Seguimento, e presentada pola Avogacía do Estado en abril de 2011 e polo momento non se produciu o fallo do alto Tribunal.