Preto de 3.000 persoas formáronse no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, dos que uns 900 acadarán unha certificación profesional
A directora xeral de Formación e Colocación, Ana María Díaz, ofreceu hoxe en rolda de prensa un balance dos catro anos de funcionamento deste centro, adscrito á Consellería de Traballo e Benestar
A porcentaxe de cursos que permiten conseguir unha certificación oficial, a nivel mundial, aumentou do 55 por cento do total no curso 2008/2009 a un 83 por cento no actual 2011/2012
Do persoal desempregado que participou nos cursos –segundo datos de 2010/2011, os últimos dispoñibles- o nivel de inserción laboral posterior acadou o 51,5 por cento
O 41 por cento dos ocupados que tomaron parte nas actividades formativas manifestaron ter acadado unha mellora laboral
O nivel de satisfacción do alumnado chega, en case todo os aspectos, a valores de ao redor do 8,8 sobre 10 durante a actual programación 2011/2012
Unhas 3.000 persoas formáronse nos últimos catro anos no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), dependente da Consellería de Traballo e Benestar. Desde a súa posta en marcha, unhas 900 persoas acadarán unha certificación profesional ou superarán algún dos exames para acadala, grazas a unha importante aposta nos últimos anos por ligar as actividades formativas á posibilidade de certificación.
Así o salientou hoxe a directora xeral de Formación e Colocación, Ana María Díaz, nunha rolda de prensa na que expuxo o balance dos últimos catro anos do CNTG. Durante a presentación, concretou que a porcentaxe de cursos que permiten conseguir unha certificación oficial –a nivel mundial- aumentou do 55 por cento do total dos cursos no 2008/2009 a un 83 por cento no actual 2011/2012. Estas probas de certificación abranguen tecnoloxías e metodoloxías de fabricantes, organizacións ou institutos tan diversos como Oracle, Microsoft, Red Hat, LPI, Scrum, PMI, ITIL, Zend, Cisco, VMware, etc..
O obxectivo deste centro é impulsar a formación dos traballadores, ocupados e desempregados, do sector TIC galego; así como poñer en valor a formación tecnolóxica especializada. Ademais, a súa oferta dota dun carácter social ás súas actividades ao permitir o acceso de balde a unha formación que, doutro modo, ben polo seu alto custo ou ben pola súa falta de oferta na comunidade autónoma ,non se podería impartir.
A meta das actividades é, polo tanto, a formación dun colectivo de profesionais expertos e altamente cualificados, o que redunda na “mellora da produtividade e capacidade competitiva das empresas e organizacións”, explicou Ana Díaz.
Todos eles son cursos intensivos, orientados ao mundo laboral, e con adaptación continua aos novos produtos e versións, de xeito que o alumnado se forma en tecnoloxías con implantación no mercado e coas que se vai encontrar o alumno nun posto de traballo. Por ser cursos de carácter técnico, requiren uns coñecementos previos –máis ou menos intensos- polo que o acceso a eles implica a superación dunha proba.
Ademais, cada ano máis cursos permiten a opción de realizar de balde un exame de certificación oficial, que está avalada polo propio fabricante ou organización certificadora.
Nos últimos catros anos, o centro realizou máis de 200 accións formativas –nas que non se inclúen as xornadas ou seminarios-. A porcentaxe de ocupación sobre as prazas ofertadas foi practicamente do 100 por cento en todos eles e o alumnado que remata o curso que inicia acadou o 97,5 por cento, unha cifra “importante e difícil de conseguir”, máis tendo en conta que o 2,5 por cento que abandona o fai por atopar un traballo durante o curso ou por un proxecto na súa empresa que lle impide rematar a actividade formativa.
Durante estes catro anos, os cursos complementáronse con 52 xornadas e seminarios técnicos, cunha asistencia total por encimas das 4.500 persoas.
Inserción
No curso 2011/2012 a distribución dos asistentes é a seguinte (moi similar a de anos anteriores): o 42,5 por cento son desempregados; o 42 por cento ocupados do sector privado; e o 5,5 por cento ocupados do sector público.
Logo da realización de enquisas, pódese determinar o grao de inserción laboral dos asistentes. Os últimos datos dispoñibles son os do curso 2010/2011, que reflicten que no caso dos asistentes desempregados o nivel de inserción laboral foi do 51,5 por cento.
No que se refire ao persoal ocupado, o 72 por cento dos enquisados afirman utilizar os coñecementos adquiridos no seu traballo diario, e un 41 por cento resposta ter acadado unha mellora laboral: ou ben na propia empresa na que presta servizo; ou como consecuencia dun cambio de compañía ou organización.
Cabe destacar tamén que o centro aplica controis de calidade a cada unha das fases das actividades formativas. Estes controis comezan coa selección dos cursos ofertados, cos docentes expertos, a configuración de grupos homoxéneos de alumnos a través da proba previa, e a análise de diversas enquisas durante o curso.
Mediante estas enquisas anónimas e individualizadas, que cubre unha porcentaxe de asistentes superior ao 95 por cento, amósanse uns elevados niveis de satisfacción. Así, durante este último curso 2011/2012 acadáronse valores de ao redor do 8,8 sobre 10 en case todos os aspectos (docencia, docentes, curso en global, mellora de coñecementos, servizo e persoal do centro).