Preparando ás pemes galegas para os novos desafíos: ciberseguridade e intelixencia artificial

Venres 29 de Maio de 2026

Preparando ás pemes galegas para os novos desafíos: ciberseguridade e intelixencia artificial

A transformación dixital ofrece grandes oportunidades para as pemes, pero tamén introduce novos riscos que é preciso coñecer e xestionar. A crecente sofisticación dos ciberataques e a incorporación da intelixencia artificial aos procesos empresariais fan imprescindible que as empresas conten coa información e as ferramentas axeitadas para protexer os seus activos dixitais. 

Neste contexto, o vindeiro 3 de xuño celebrarase en Pontevedra a xornada “Preparando ás pemes galegas para os novos desafíos: ciberseguridade e intelixencia artificial” , unha iniciativa organizada por Amtega , a través do seu Laboratorio e Centro Demostrador de Ciberseguridade en Produtos con Elementos Dixitais da Xunta de Galicia , en colaboración coa Deputación de Pontevedra . 

Unha xornada práctica dirixida a pemes e persoas autónomas

A xornada está especialmente dirixida a pemes e persoas traballadoras autónomas que desexen mellorar a súa preparación fronte ás ameazas dixitais actuais, coñecer casos reais de ciberataques e comprender o papel clave que xogan as persoas na seguridade da información. O programa combina contidos técnicos, demostracións prácticas e espazos de intercambio de experiencias, favorecendo unha visión integral da ciberseguridade no ámbito empresarial. 

Programa 

• 09:45 – 10:00 | Recepción e rexistro de asistentes – Café 

• 10:00 – 10:15 | Benvida institucional 

• 10:15 – 10:25 | Presentación da axenda da xornada 

• 10:25 – 11:00 | Así atacan os piratas informáticos: vive un ciberataque real nun Cyber Range 

• 11:00 – 12:20 | Ciberseguridade para pemes e persoas autónomas: o poder das persoas 

• 12:20 – 12:40 | CiberCafé : intercambiando experiencias entre pemes 

• 12:40 – 14:00 | A intelixencia artificial e a ciberseguridade no sector das pemes 

• 14:00 | Xantar: Ciber & Tapas. Tecendo alianzas 

Un espazo para aprender, compartir e crear alianzas

Ademais da adquisición de coñecementos, a xornada pretende fomentar a colaboración entre empresas, facilitando un espazo de diálogo no que compartir experiencias reais, boas prácticas e inquietudes comúns no ámbito da seguridade dixital. Inscrición As inscricións son limitadas e é necesaria inscrición previa. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición a través desta ligazón.