Portos de Galicia e Amtega asinan un convenio para avanzar na administración electrónica

Martes 27 de Xaneiro de 2026

Portos de Galicia e Amtega asinan un convenio para avanzar na administración electrónica

O presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, e o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Damián Rey, asinaron esta mañá un convenio de colaboración que permitirá avanzar na administración electrónica do ente público, logo da súa recente adhesión ao sistema da axencia. O acordo rexerá o traballo para desenvolver de cara á xestión do sistema portuario galego no eido das tecnoloxías da información e comunicación, a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico.

Neste marco, Portos de Galicia financiará as actuacións previstas para a integración dos seus servizos tecnolóxicos na axencia, creada para a definición, desenvolvemento e execución dos instrumentos da Xunta de Galicia neste eido. Para tal fin, Portos investirá máis de 200.000 euros no ano 2026 en actuacións que abranguen a licitación da nova plataforma de dixitalización do ente, os servidores e máquinas virtuais necesarios, e a ciberseguridade, entre outras accións.

Pola súa parte, Amtega prestará o servizo de asesoramento e apoio a Portos para estas accións. Así mesmo facilitará a infraestrutura base necesaria para a migración dos sistemas, ferramentas e aplicacións de Portos de Galicia á axencia. Con este acordo, a Xunta pretende avanzar na administración electrónica do sistema portuario e axilizar e facilitar aos usuarios dos portos a súa relación co ente público.