Os obxectivos prioritarios do Plan de modernización son o impulso da interoperabilidade, a implantación completa do Rexistro Único e a creación do Arquivo Dixital
O nodo de interoperabilidade, que permite o intercambio de información entre administracións, evitou en 2012 que cidadáns e empresas tiveran que presentar documentación básica como o DNI e o certificado de empadroamento en preto de 170.000 trámites coa Administración
A implantación progresiva do Rexistro Único nas 500 oficinas da Administración autonómica e das entidades locais é outra das claves nos avances cara a eAdministración previstos no Plan de Modernización que se vén desenvolvendo desde 2010
Mar Pereira sinala que a compartición de recursos, sistemas e infraestruturas tecnolóxicas entre administracións é a chave para aforrar custes e prestar uns servizos dixitais de calidade
A directora da Amtega puxo de manifesto que o obxectivo último do Plan é modificar o xeito de prestar os servizos públicos grazas a integración das TIC na Administración
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, destacou esta mañá que os tres obxectivos da Xunta en materia de modernización da Administración pública son a consolidación do nodo de interoperabilidade entre administracións para facilitar o intercambio de información e documentos entre as entidades públicas, avanzar na implantación completa do Rexistro Único e a posta en marcha do Arquivo Dixital da Xunta.
A responsable autonómica destacou que a Xunta vén sentando os piares destas tres medidas desde 2010 coa posta en marcha do Plan de Modernización da Administración autonómica. Un Plan, que segundo sinalou, non se debe entender unicamente como un investimento en tecnoloxía senón que é un proceso moito máis complexo que, que ten como obxectivo último modificar a forma de prestar os servizos públicos. Para acadar esta meta o Plan avanzou tanto na posta en marcha de servizos cara o cidadán como na creación de ferramentas a nivel interno para dotar ao empregado público dos medios precisos para o novo contexto dixital.
Novos servizos para cidadáns e empresas
A responsable da Amtega repasou algúns dos principais fitos marcados no Plan de Modernización da Administración autonómica e que xa son unha realidade como a edición electrónica do DOG, e que permite un aforro de 1 millón de euros anuais.
Mar Pereira fixo especial fincapé nas posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia, na que a día de hoxe cidadáns e empresas poden tramitar de xeito electrónico de mais de 500 procedementos, máis do 34% do total. Cómpre destacar que antes da posta en marcha do Plan de Modernización só se podían tramitar electrónicamente o 4% dos procedementos. A día de hoxe o 95% dos novos procedementos ser poden xestionar a través desta plataforma.
Novas ferramentas para os empregados públicos
A directora da Amtega sinalou que este proceso de modernización require un cambio no papel que vén desempeñando o empregado público ao que é preciso dotar dos medios necesarios ante o novo escenario da eAdministración e que ten un papel chave neste proceso de reforma. Neste contexto encaixa o proxecto Kronos para acreditar dixitalmente aos empregados públicos. A día de hoxe son xa máis de 8.000 funcionarios da Administración xeral e de Xustiza que dispoñen de este certificado que permite avanzar na extensión da sinatura electrónica e de xestión do documento electrónico.
Próximos Obxectivos
A consolidación do nodo de interoperabilidade é un dos principais obxectivos do Plan. A que a Xunta xa avanzou nesta liña coa implantación en 2011 do portal Pasaxe en todas as consellerías, que permite eliminar a petición de documentación básica como DNI e o certificado de empadroamento. Durante o pasado ano esta ferramenta evitou a presentación de ambos os dous documentos en máis de 170.000 trámites de cidadáns e empresas coa Administración autonómica. O obxectivo é avanzar na eliminación doutro tipo de información de carácter xeral como o título de familia numerosa, o certificado de discapacidade, datos catastrais, titulacións académicas ou situacións tributarias.
A Implantación completa do sistema de rexistro único nas 500 oficinas (180 da Administración autonómica e 320 concertadas coas entidades locais) coa incorporación das funciones de dixitalización e compulsa electrónica son outro dos obxectivos prioritarios do plan. E de novo se aplicará a interoperabilidade para integrar o rexistro autonómico co rexistros da Administración xeral do Estado. É un factor fundamental para que os cidadáns poidan resolver as súas xestións coas administracións públicas nun único procedemento ou trámite, independentemente do nivel administrativo ao que se acheguen
O terceiro obxectivo prioritario é a posta en marcha e do Arquivo Dixital da Administración autonómica e do modelo de Xestión Documental, que garanta os criterios de clasificación, accesibilidade, vixencia, custodia da documentación no novo contexto dixital (tanto a dixitalizada como a xa xerada en electrónico).
Colaboración entre administracións
Entre as medidas para acadar unha Administración máis eficiente, a directora da Amtega destacou a necesidade de promover o uso e a compartición de recursos, sistemas e infraestruturas entre Administracións para reducir custes, evitando a duplicidade de investimentos e garantindo os mesmos niveis de calidade na prestación dos servizos a cidadáns.
Neste sentido, Mar Pereira recordou o convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a entidade pública empresarial red.es para o desenvolvemento de actuacións no ámbito da administración electrónica en concreto para a dotación de infraestruturas hardware, por un importe de 1.125.000€
Ademais, a Xunta ven impulsando a Administración electrónica nas entidades locais grazas ao Plan eConcellos, que se iniciou en 2010 e ao que están adheridos a práctica totalidade dos concellos e as catro deputacións. No marco deste Plan a Administración autonómica está a traballar para poñer disposición de todos os concellos galegos un catálogo de servizos dixitais tanto para o desenvolvemento interno da eAdministración como para ampliar e mellorar o servizos que se presta as cidadáns e empresas.
CPDI, infraestrutura chave na modernización da Administración
Para acadar estes obxectivos será fundamental o Centro de Proceso de Datos Integral, a infraestrutura tecnolóxica de altas prestacións que entrará en funcionamento o pasado verán e que se configura como o Nodo de interoperabilidade do sector público galego e permítenos por a disposición dos concellos, deputacións e universidades un catálogo de servizos dixitais comúns para todas as Administracións Públicas.