Os centros transfronteirizos de dinamización integral de Tui, A Cañiza, Monterrei e Vilaverde ofrecen servizos de igualdade a unha poboación de máis de 430.000 mulleres
O Comité de dirección do proxecto reuníuse esta mañá para analizar futuras iniciativas para mellorar a empregabilidade, como a elaboración dun plan de formación integral con contidos sobre detección de oportunidades laborais
As máis de 430.800 mulleres que residen nas comarcas do Baixo Miño e Paradanta (Pontevedra), na comarca de Verín (Ourense) e nas subrexións portuguesas de Minho-Lima e Cávado xa poden beneficiarse dos servizos dos catro centros de dinamización integral para mulleres, situados en Tui, A Cañiza, Monterrei e Vilaverde, creados no marco do proxecto CEDIM, no que participan a Xunta de Galicia e o Goberno de Portugal. A iniciativa está dotada cun presuposto de 712.225 euros, dentro do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013.
O funcionamento destes catro centros nos primeiros meses da súa andaina, desde a súa creación o pasado mes de marzo, foi analizado esta mañá polo comité de dirección do CEDIM, ao que asistiron as persoas titulares dos tres departamentos da Xunta implicados no proxecto, a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, e o xerente da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, Higinio Antuña.
Mellora da empregabilidade
Na xuntanza, o comité de dirección avaliou o grao de desenvolvemento do proxecto e analizou futuras accións, como a elaboración dun mapa de recursos transfronteirizos para a promoción da igualdade e dun plan de formación integral dirixido a mellorar a empregabilidade das mulleres usuarias dos centros, que incluirá contidos sobre detección de oportunidades de emprego e mellora das habilidades comunicativas e sociais. Tamén se está a desenvolver unha plataforma web de traballo colaborativo, para promover a activación laboral das mulleres e a optimización das oportunidades.
Os centros de Tui, A Cañiza, Monterrei e Vilaverde adecúan as actividades dinamizadoras ao perfil das demandantes, para mellorar a súa cualificación, as condicións de empregabilidade, o emprendemento e as oportunidades das mulleres, tendo en conta que o perfil sociolaboral das mulleres residentes nesta zona xeográfica participa dos roles tradicionais de xénero. Elas son as que maioritariamente se ocupan do labor doméstico, especialmente nas zonas onde predomina a poboación máis envellecida e son tamén elas as que atopan maiores dificultades de empregabilidade nun territorio que demanda perfís con baixa ou pouca cualificación.