O xoves 13 de xuño comeza o segundo módulo do curso “Redes sociais e comunicación 2.0”, que afondará na “identidade dixital”
Analizarase o impacto da web 2.0 na procura de emprego así como a maneira de construír unha boa “identidade dixital”
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o día 12 de xuño
A xornada poderá seguirse a través do Twitter co hashtag #socialmaisTIC
E tamén a través de videoconferencia nas aulas CeMIT de Ames, Betanzos, Ortigueira, Fisterra, A Coruña, Celanova, A Cañiza e Vigo
As persoas interesadas en participar no segundo módulo do curso “Redes sociais e comunicación 2.0”, promovido polo programa de Voluntariado Dixital da Xunta de Galicia, poderán formalizar a súa inscrición ata o día 12 de xuño a través da ligazón, http://www.voluntariadogalego.org/web/modulo.php?mod=cur&idc=230&pag=0.
Tralo éxito acadado no primeiro módulo “Redes sociais e comunicación 2.0”, no que os asistentes tiveron a oportunidade coñecer as experiencias de varias empresas na implantación da súa estratexia dixital, nesta segunda parte, que se desenvolverá os días 13 e 14 de xuño, abordarase o tema da “Identidade Dixital”.
Os obxectivos deste segundo módulo son mostrar a importancia das redes sociais no mercado de traballo e o impacto da web 2.0 na procura de emprego, así como a maneira de construír unha boa “Identidade Dixital” para obter un bo posicionamento profesional en internet.
O curso é gratuíto e pódese participar en modalidade presencial no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) en Santiago de Compostela ou ben a través de videoconferencia nas aulas CeMIT de Ames, Betanzos, Ortigueira, Fisterra, A Coruña, Celanova, A Cañiza e Vigo. Ademais, a xornada poderá seguirse a través do Twitter co hashtag #socialmaisTIC.
13 e 14 de xuño
Na xornada do día 13, Víctor Gómez, experto en consultoría e formación en innovación e marketing, afondará no concepto de identidade dixital e explicará como tecer unha rede de contactos 2.0. O venres 14 os asistentes coñecerán experiencias prácticas de empresas e organizacións de captación e selección de recursos humanos, da man de Alberto Fernández Varela, socio consultor en EGA Consultores e especialista en desenvolvemento de persoas e busca de talento para organizacións. Ambas as dúas sesións desenvolveranse en horario de 16.00 a 20.00 horas.
As redes sociais e o emprego
Un recente estudio publicado por Young People’s Consumer Confidence (YPCC) vén de demostrar a importancia das redes sociais na busca de emprego xa que un de cada dez mozos foi rexeitado para un traballo debido ao seu perfil nas redes sociais. Cada vez é máis frecuente que as empresas investiguen as redes sociais dos candidatos a un determinado posto de traballo. Moitas veces isto pode ir en contra dos posibles candidatos xa que analizando fundamentalmente as fotos, as empresas chegan a descartalos para un posto.